Deutsche Bank anuncia o peche da súa sucursal en Lugo o próximo 2 de xullo

Tres dos catros empregados serán despedidos
Sede del Deutsche en Lugo. EP
photo_camera Sede do Deutsche en Lugo. EP

A sucursal de Deutsche Bank na capital lucense pechará as súas portas definitivamente o próximo 2 de xullo. Así llo comunicou a dirección da entidade bancaria alemá aos seus empregados da oficina situada na Praza de Santo Domingo.

Un avogado da entidade financeira reuniuse individualmente o pasado venres cos catro empregados que forman o persoal en Lugo para anunciarlles a decisión de Deutsche Bank. Tres deles serán despedidos e recibirán as súas correspondentes indemnizacións polos anos traballados.

Mentres, o cuarto traballador seguirá na empresa pero cambiará o seu lugar de traballo. A partir do 2 de xullo será recolocado na oficina principal que o banco posúe na Rúa Linares Rivas 35-40 na cidade da Coruña.

O anuncio da entidade xermana colleu por sorpresa tanto a empregados como aos propios clientes, que foron informados por carta postal e a través de correo electrónico do peche definitivo da sucursal en Lugo.

O cesamento de servizo na cidade obrigará a desprazarse á capital herculina a moitos lucenses para efectuar as operacións que requiran da súa presenza, e que sexan imposibles executar mediante a banca online, que é a que se lles recomenda.

Este peche da oficina de Deutsche Bank na cidade podería obedecer ao plan de reestruturación da banca en España iniciado por varias entidades.

Comentarios