Detidos dous veciños de Lugo por roubos en polígonos industriais do occidente asturiano

Delinquían as fins de semana en horario diúrno, cando a afluencia de xente é menor e as naves permanecen pechadas

A Garda Civil detivo dous homes de 32 e 38 anos, veciños de Lugo, por catro roubos e outros dous en grao de tentativa en polígonos industriais do occidente asturiano, dos que subtraeron material valorado nuns 10.000 euros.

Os dous homes, que foron arrestados este xoves pola mañá cando merodeaban cunha furgoneta polo polígono de Río Pinto, en Coaña, suman 35 detencións anteriores por case medio centenar de delitos, informou a Comandancia de Oviedo.

Os roubos foron cometidos entre os meses de maio e outubro en naves situadas nos polígonos de Salcedo, en Navia; Río Pinto, en Coaña, e Cortaficio, en Tapia de Casariego.

Segundo os investigadores, os agora detidos subtraeron diferente material, principalmente ferramenta, aínda que dunha das naves levaron tamén pneumáticos de camión que tiñan almacenados para a súa venda.

Os arrestados cometían os roubos as fins de semana en horario diúrno, cando a afluencia de xente é menor e as naves permanecen pechadas.