A Policía detén a dous individuos en sendas liortas en Lugo

Un dos altercados produciuse na Ronda do Carme e outro na Milagrosa
El accidente tuvo lugar en la Rúa Milagrosa. AEP
photo_camera O suceso ocorreu na rúa Milagrosa. AEP

A Policía Nacional tivo que intervir en dúas liortas en diferentes lugares da cidade que deron como resultado dous detidos. Un dos altercados produciuse na Ronda do Carme, onde os axentes observaron a un home de mediana idade, sobre o que constaba unha detención por quebrantamento da orde de afastamento, co que procederon de inmediato á detención.

Este individuo atopábase en compañía doutro, tamén de mediana idade, e o segundo "en vista de que o seu amigo está detido e vai ser introducido no vehículo policial interponse tratando de evitar que o introduzan no habitáculo traseiro do prioritario, proferindo insultos cara aos axentes e realizando espaventos", destacaron as mesmas fontes.

Os axentes "tratan de acougalo" e explicarlle a situación, segundo a Policía, pero a situación foi "a máis, xa que deses insultos pasa a tratar de impedir fisicamente que leve a cabo o traballo policial". Chegou a golpear a un dos policías, polo que foi detido e trasladado a dependencias policiais.

OUTRA PELEXA. Tamén á primeira hora da mañá deste xoves a sala do 091 da Comisaría da Policía Nacional de Lugo recibiu unha chamada telefónica na que se advertía dunha pelexa ou liorta na zona da Milagrosa nun bar de copas, onde tres mulleres discutiron de xeito "moi acalorado", indicaron as mesmas fontes.

Acudidos policías do Grupo de Atención ao Cidadán no lugar, observaron que estaba "todo en calma", pero no interior do local había tres mulleres, polo que procederon á identificación das mesmas para o esclarecemento da chamada anterior. Deste xeito, a actuación levou á detención dunha delas por unha infracción á lei de estranxeiría, ao estar en situación de estancia irregular. Fíxose cargo da instrución do expediente a Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial.

ROUBO CON VIOLENCIA. Por outra banda, a Brigada Provincial de Policía Xudicial, Grupo II, levou a cabo unha investigación por un roubo con violencia/intimidación ao recibir denuncia do Posto da Garda Civil de Monterroso por un feito ocorrido no mes de agosto deste ano no Parque de Rosalía de Castro de Lugo.

No marco desta investigación, a Policía Nacional procedeu á identificación de dúas persoas, unha delas menor de idade, por estar implicados nos feitos. Resultou que os identificados "son as mesmas persoas que estiveran detidas a semana pasada por feitos similares", sinalaron as mesmas fontes policiais. "Nesta ocasión repetiron o mesmo modus operandi; unha vez elixida a vítima, achéganse en grupo a ela, case sempre se trata dun menor de idade, ao que lle solicitan que lles entregue unha cantidade de diñeiro, a vítima ao sentirse intimidada accede á petición e en caso de negarse a iso cóllenlle o diñeiro á forza", relatou a Policía.

O menor de idade actualmente atópase ingresado nun centro de menores por mor das causas que tiña pendentes. Dos feitos informouse ao xulgado de garda e á a Fiscalía de Menores.