Detidos cinco mozos cando intentaban desvalixar un piso en Lugo

Foron sorprendidos cando embalaban enseres nun piso da Rúa Nova ► Un deles levaba un teléfono roubado, dous portaban cocaína e marihuana e unha menor está a ser investigada por falsear a súa identidade
photo_camera Rúa Nova de Lugo. AEP

A Policía Nacional sorprendeu o luns a cinco mozos cando intentaban desvalixar un piso na Rúa Nova de Lugo. Entre os detidos, dúas mulleres e tres homes, hai unha menor de idade e o resto teñen entre 18 e 24 anos.

Os cinco mozos están acusados de roubo con forza, tras ser sorprendidos polos axentes cando embalaban e preparaban os enseres dunha vivenda para levalos, tras forzar a porta dun piso e a fiestra doutro.

Os feitos ocorreron o luns pola mañá. Un veciño alertou de que se escoitaban golpes nunha casa na que había "persoas estrañas". Dúas dotacións de radiopatrullas da Policía Nacional acudiron ao lugar e comprobaron que estaba forzada a porta do segundo piso e localizaron no interior dúas mulleres, que "non dan explicación algunha da súa presenza no lugar", segundo fontes policiais.

Os axentes decatáronse de que desde esa vivenda tres homes accederan ao piso inferior, descolgándose por unha galería e entrando abaixo pola fiestra da cociña. A Policía puido comprobar que no piso de abaixo tiñan embalados e preparados para trasladar diversos enseres que, segundo indicaron posteriormente os propietarios, estaban distribuídos pola casa. 

Os cinco implicados foron detidos e están acusados de roubo con forza. Ese non é o único delito ao que se enfrontan. No transcurso da intervención, a Policía recuperou un teléfono móbil que levaba un dos detidos e que figuraba como subtraído. Ademais, dous dos implicados no roubo estaban en posesión de cocaína e marihuana. 

A menor está a ser investigada por posible usurpación de estado civil. A Policía está a comprobar se os datos de identidade que facilitou son os correctos. Tras tomarlle declaración, foi entregada aos seus titores legais.

Comentarios