Detidos un home e unha muller en Lugo enfrontados pola custodia da súa filla

Ao marido investígaselle por un delito de violencia de xénero e a ela, por malos tratos no ámbito familiar e intento de secuestro da menor
Avenida de Magoi. GSV
photo_camera Avenida de Magoi. GSV

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron o pasado 19 de xuño un home e unha muller, en trámite de separación, a el como investigado por un delito de violencia de xénero e a ela por malos tratos no ámbito familiar e por intento de secuestro da filla menor do matrimonio.

 Segundo informou a Policía Local, unha patrulla desprazouse o pasado 19 de xuño, sobre as 19.50 horas, á Avenida de Magoi, porque a central do 092 recibira unha chamada na que se alertaba de que unha muller cunha nena de cinco anos forcexara co seu marido por mor das disputas entre ambos pola custodia da menor. Ao chegar ao lugar indicado, o home explicoulles aos axentes que a súa esposa, coa que se atopa en trámites de separación, intentou secuestrar pola forza a unha das fillas do matrimonio, motivo polo cal se produciu o forcexo entre ambos. 

Os policías identificaron a varias testemuñas do ocorrido e, ao carecer o home de documentación para acreditar a súa identidade, foi detido polos axentes como investigado por un suposto delito de violencia de xénero, por agredir presuntamente á súa muller.  Trasladados ambos a dependencias policiais, tamén se procedeu ao arresto da esposa por un delito de malos tratos no ámbito familiar e por tentativa "de subtracción dun menor". Os nenos quedaron a cargo do avó paterno.