Detido un vendedor ambulante en Lugo por golpear e ameazar a outro por un posto

O arrestado quedou en liberdade, tras declarar ante o xuíz, e cunha orde de afastamento da vítima
Agentes de la Policía Nacional. EUROPA PRESS
photo_camera Axentes da Policía Nacional. EUROPA PRESS

Un cidadán magrebí foi detido na capital lucense por axentes da Policía Nacional debido a que presuntamente agrediu en dúas ocasións e ameazou noutra cunha arma branca de grandes dimensións a un compatriota seu.

Agresor e vítima, que residen na capital lucense, gáñanse a vida como vendedores ambulantes. O motivo desa actitude violenta foi ao parecer que o arrestado pretendía deste xeito amedrentar ao seu compatriota, segundo declarou este, co fin de conseguir unha mellor localización para o seu posto nos mercadillos nos que coincidían.

A primeira agresión tivo lugar hai xa unhas semanas na feira á que acudiron a Lalín, onde o arrestado lle propinou varias puñadas.

A historia repetíase días despois cando volvían coincidir no mercadillo desta localidade pontevedresa. Nesa segunda ocasión golpeaba á vítima cunha barra metálica.

MACHADA. O agredido non se decidiu a dar o paso de presentar denuncia en comisaría ata que sufriu o terceiro episodio violento, cando o seu compatriota o ameazou cun coitelo de grandes dimensións. Esa intimidación tivo lugar na Rúa Mar Cantábrico da capital lucense.

O caso pasou entón a mans dos axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (Udev) da Policia Nacional, que procederon á detención do presunto agresor.

Este cidadán magrebí foi posto a disposición xudicial. Tras prestar declaración, quedou en liberdade con medidas cautelares. O maxistrado ditou unha orde de afastamento da vítima.

OUTRO CASO. Os axentes desta unidade tamén levaron a cabo outra detención a semana pasada por un episodio violento. Arrestaron a un mozo que golpeou á parella actual da súa ex. A agresión tivo lugar en plena vía pública, na Rúa Saúde, no barrio da Residencia. A vítima precisou asistencia médica.