Detido un profesor de autoescola de Lugo que intentou propasarse cunha alumna

O acusado quedou en liberdade cunha orde de afastamento â?? Enganouna para levala a un escampado

Un coche de autoescuela. ADP
photo_camera Un coche de autoescola. ADP

Un profesor dunha autoescola foi detido na capital lucense por axentes da Policía Nacional porque presuntamente intentou propasarse cunha alumna cando esta realizaba unha práctica para sacar o carné de conducir.

Ao parecer, o arrestado, que é un sesaxenario, guiou con enganos á vítima no turismo no que realizaba as prácticas ata un escampado, onde lle mostrou un vídeo de carácter pornográfico.

Ademais, cando se atopaban no interior do vehículo nunha zona apartada da cidade, tamén intentou manosear á moza. Pero cesou na súa actitude obscena cando viu que esta se puña nerviosa e ofrecía resistencia.

A vítima, de 18 anos de idade, que lle relatou aos seus pais o que lle pasou co profesor, presentou a correspondente denuncia a principios desta semana na comisaría da Policía Nacional da capital lucense, onde declarou sobre o sucedido.

Tras formular a moza esa denuncia, os axentes procederon á detención deste docente que imparte formación viaria. O home arrestado foi posto o pasado martes pasado a disposición xudicial por esta presunta agresión sexual á moza.

AFASTAMENTO. Este profesor de autoescola quedou en liberdade provisional, tras declarar no xulgado de instrución número 3 de Lugo. O maxistrado estableceu como medidas cautelares contra o arrestado unha orde de afastamento da moza.

Como se trata dun posible delito contra a liberdade sexual, un máis dos que se produciron ultimamente na capital lucense, apenas transcendeu máis información sobre o caso co fin de preservar a identidade da vítima.