Detido un lucense por pegar no seu turismo o adhesivo da ITV doutro

Os axentes detectaron o engano e imputáronlle un delito de falsidade documental. A Policía Nacional recuperou un coche roubado en Madrid
2020082609251714114
photo_camera Instalacións da ITV en Lugo. AEP

. A Policía Nacional detivo a un lucense como presunto autor dun delito de falsidade documental, xa que presuntamente falsificou o adhesivo da ITV.

Segundo a información facilitada onte desde a comisaría lucense, os axentes interceptaron a un vehículo e comprobaron que non pasara a inspección técnica obrigatoria, pero con todo levaba posta no parabrisas o adhesivo correspondente á revisión do ano en curso.

Os policías do grupo encargado da investigación de delitos contra as persoas abriron unha investigación e concluíron que o home colocara o adhesivo doutro vehículo no seu para non ter que pasar a ITV. Por este motivo, os axentes procederon ao arresto do sospeitoso como presunto autor dun delito de falsidade documental. O detido non tiña antecedentes ata a data.

ROUBO. Por outra banda, a Policía Nacional de Lugo recuperou un vehículo, da marca Mini Cooper, que fora roubado recentemente na localidade madrileña de Alcorcón.

Os feitos sucederon o pasado día 20 de agosto, cando unha dotación do servizo de Radiopatrullas viu un turismo estacionado na Praza de Santo Domingo, que levantou as súas sospeitas, polo que consultaron de inmediato a súa matrícula nos arquivos policiais da Dirección Xeral da Policía e comprobaron que figuraba como roubado.

O turismo fora subtraído dous días antes na citada localidade madrileña, polo que foi trasladado por un guindastre ata o depósito policial. Os investigadores puxéronse en contacto co propietario do Mini para comunicarlle que o coche fora recuperado e que aparentemente se atopaba sen danos materiais.

Ademais, os policías encargados do caso abriron unha investigación para descubrir canto antes ao autor do roubo e proceder a imputarlle o correspondente delito.

Comentarios