Detido tras intentar roubarlle o bolso a unha anciá montado en bicicleta

Utilizou o procedemento do tirón na zona entre A Milagrosa e o Barrio Feijóo

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a un mozo en Lugo como investigado por un delito de roubo con violencia e intimidación, despois de que supostamente intentase roubarlle o bolso a unha anciá polo procedemento do tirón e montado en bicicleta.

Os feitos sucederon este luns a media mañá entre a zona da Milagrosa e o Barrio Feijóo, en na parte norte da cidade de Lugo, cando a sala operativa do 092 recibiu unha chamada para alertar de que unha muller de avanzada idade pedía auxilio en plena rúa porque fora vítima dun roubo polo procedemento do tirón.

De forma inmediata, púxose en marcha un operativo policial para auxiliar á vítima e localizar ao autor do roubo, de modo que axentes de Seguridade Cidadá atenderon á muller e localizaron o bolso tirado a uns metros do lugar dos feitos.

Os axentes tamén falaron cunha testemuña, quen os informou de que o suposto autor do roubo caeu da bicicleta, pero incorporouse rapidamente e saíu fuxindo cara á rúa Río Narla.

Grazas á descrición que fixo a vítima do suposto autor do roubo, tanto das súas características físicas como da roupa que levaba vestida, ademais de informar aos axentes de que montaba unha bicicleta de cor gris, efectivos da brigada de Policía Xudicial lograron localizalo entre o Barrio Feijóo e Paradai.

Ao cachealo, os axentes atoparon no seu poder a mesma cantidade de diñeiro que a vítima dixera que levaba no seu moedeiro.

O mozo foi detido como suposto autor dun delito de roubo con violencia, sen lesións neste caso, porque a asa do bolso rompeu e esa circunstancia evitou que a anciá caese ao chan.

Xa en dependencias policiais, os axentes que practicaron o arresto comprobaron que o mozo tiña antecedentes por feitos similares, ocorridos nas últimas semanas na cidade de Lugo.