Detido por extorsionar a un lucense ao que abordou en plena rúa

Obrigouno a entregarlle diñeiro, unha cadea de ouro e un teléfono móbil
Los detenidos fueron trasladados a la comisaría de la Policía Nacional en Lugo. SEBAS SENANDE/AEP
photo_camera Comisaría da Policía Nacional en Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)

Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) detiveron en Lugo a un veciño da cidade, con antecedentes por outro delito similar, que abordou a un home en plena rúa e o extorsionou para a que lle entregase diñeiro en efectivo, unha cadea de ouro e o seu teléfono móbil.

Os feitos ocorreron o xoves 10 de xuño pola mañá, cando un cidadán, que se dirixía desde unha entidade bancaria ao centro da cidade para realizar unhas xestións, foi abordado polo sospeitoso. O agora detido ameazouno con causarlle danos físicos a el ou á súa familia se non lle entregaba 300 euros.

As ameazas continuaron durante un longo traxecto por diferentes rúas da cidade, segundo fontes da comisaría provincial. Por medo, a vítima entregoulle unha cantidade de diñeiro, pero como non chegaba á cifra esixida polo suposto extorsionador, obrigouno a darlle a cadea de ouro que levaba ao pescozo e o seu teléfono móbil.

Cando quedou soa, a vítima chamou ao 091 e contoulle á Policía o sucedido, para posteriormente dirixirse a dependencias oficiais, onde presentou a correspondente denuncia.

De forma inmediata, os axentes encargados deste tipo de delitos iniciaron unha investigación para identificar e localizar ao suposto extorsionador.

Logo de denunciar, a vítima aínda recibiu unha chamada con novas ameazas por parte do suposto extorsionador para que lle entregase máis diñeiro.

Coa descrición achegada pola vítima, o sospeitoso foi identificado, localizado e detido.
Xa na comisaría, fixo entrega do botín da extorsión. Logo de prestar declaración, quedou en liberdade á espera de xuízo.

Comentarios