Detidos cinco membros dunha banda que roubaba en bares de Lugo

Veciños da Rolda do Carmen avisaron á Policía, que sorprendeu aos ladróns nun local cando intentaban fuxir

Axentes da Policía Nacional detiveron dentro dun operativo posto en marcha desde a Comisaría Provincial de Lugo, co fin de contrarrestar os delitos de roubo con forza, a cinco integrantes dunha banda que se dedicaba ao roubo en bares. Segundo informou a Policía Nacional, sobre as 00.10 horas do luns, veciños da Rolda do Carmen alertaron de persoas sospeitosas merodeando pola zona.

Por iso acudiron ao lugar dúas patrullas de Policía que observaron como na entrada dun bar se atopaba apostada unha persoa, a cal ao velos comezou a gritar: ""Que veñen, que veñen, auga, auga". Tras iso, intentou fuxir e foi interceptada a escasos metros do local.

Dentro do local, e cando estaban a abrir unha fiestra para poder fuxir, foron detidas outras dúas persoas. Os individuos empregaban unha pata de cabra, coa que forzaban as portas de entrada dos locais, onde, unha vez dentro, rebentaban as máquinas comecartos, a expendedora de tabaco, a caixa rexistradora e calquera caixón que sospeitasen sobre o seu contido.

Todo iso facíano valéndose da pata de cabra e un desaparafusador de grandes dimensións. Para evitar ser identificados, usaban luvas e pasamontañas. Nun cacheo posterior atopóuselles 380 euros en billetes e 686 euros en moedas.

Á mesma hora outro veciño avisaba do intento de roubo nun establecemento na rúa Ameneiro. Tres persoas estaban a tratar de forzar a porta dun bar, os cales ante a súa presenza fuxiron do lugar.

ESCONDIDOS. Polos datos achegados sobre os delincuentes e a inmediata intervención dos radio patrullas, foron localizados escondidos tras uns vehículos nas rúas lindeiras, tras o que quedaron detidos dous individuos nese acto.

Os individuos sorprendidos gardaban entre as súas roupas unhas luvas do tipo utilizado polos traballadores da construción, segundo o relato policial. A porta do local presentaba signos de ser forzada, supostamente cunha panca ou similar, segundo precisou a Policía Nacional.

ANTECEDENTES. As mesmas fontes destacaron que "pertencen todos a un mesmo colectivo social, perfectamente coñecidos entre eles". Con anterioridade foron identificados e detidos en varias ocasións por feitos similares.

A Policía considera que "programaron os dous roubos, simultaneamente co obxecto de desorientar" aos axentes. Ademais, as mesmas fontes apuntan que o pai dun dos detidos foi interceptado pola zona dando varias pasadas nun vehículo e non sabía que o seu fillo xa estaba detido. Todos os detidos, que contan con "amplos antecedentes policiais" por roubo con forza, pasaron a disposición xudicial na tarde do luns.

Comentarios