Detido en Lugo por conducir ebrio e en dirección contraria un coche subtraído

Trátase dun veciño de Foz que arroxou un resultado de 1,28 mg/l da taxa de alcoholemia
La Rúa Betanzos. GOOGLE MAPS
photo_camera A Rúa Betanzos. GOOGLE MAPS

Axentes da Policía Nacional adscritos á Brigada de Seguridade Cidadá detiveron a un home de 30 anos veciño da localidade mariñá de Foz, con antecedentes, por un delito contra a seguridade do tráfico e outro de furto uso de vehículo, tras dar positivo na proba de alcoholemia logo de ser interceptado cando circulaba en sentido contrario nun turismo subtraído. 

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos ocorreron pasadas as 2,00 horas cando unha patrulla da Brigada de Seguridade Cidadá que a área dos locais de lecer de zona de Camiño Real e inmediacións, observou como un vehículo circulaba en dirección contraria pola rúa Betanzos, "a moi baixa velocidade e obrigando a outros usuarios da vía a apartarse". 

Ao dirixirse a el para darlle o alto, o condutor baixouse do turismo e deixouno na beirarrúa aberto, momento no que é identificado polos policías, que comprobaron que o individuo se atopaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas. 

Por iso, relataron as mesmas fontes, solicitouse a presenza de Policía Local co fin de realizar a correspondente proba de alcoholemia, na que obtivo un resultado de 1,28 mg/l. O home foi levado a dependencias da Policía local para realizar a segunda proba e ser posto a disposición xudicial para o correspondente xuízo. 

Nese tempo os policías da Brigada de Seguridade Cidadá pasaron a realizar as comprobacións do vehículo no cal circulaba, o cal figuraba a nome doutra persoa, coa que se puxeron en contacto. En concreto, o propietario manifestou que o deixou estacionado na rúa Pontevedra

Por todo iso, e acudidos de novo nas dependencias da Policía Local, procederon a informar o condutor da súa detención por un delito de furto uso de vehículo así como conducir sen permiso de conducir, xa que o tenia tamén retirado. 

O individuo foi levado a dependencias da Policía Nacional na rúa Chantada onde se instruíron os correspondentes atestados polos feitos, do que se informou á Policía Nacional.

DROGAS. Por outra banda, axentes da Policía Nacional Adscritos á Brigada de Policía Xudicial, en coordinación cos indicativos de Radiopatrullas, detiveron este martes pasado en Lugo a dous homes de 18 e 24 anos por un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas. 

Segundo explicou a Policía Nacional, estes arrestos practicáronse no marco das actuacións de control que se realizan dun xeito exhaustivo das incidencias que se desenvolven na denominada Placiña do Colexio, nas inmediacións da Praza Maior, no que se refire á reunión e posible venda de sustancias estupefacientes, entre os colectivos de mozos da cidade. 

Este martes os axentes procederon á detención dos implicados cando ían distribuír unhas trinta doses entre os outros seis mozos que se atopaban no lugar, cando foron arrestados. De todo iso informouse á autoridade xudicial, que decretou liberdade á espera de xuízo oral. 

Comentarios