Deteñen unha muller en Lugo por intentar extorsionar por Whatsapp ao seu antigo xefe

Ameazábao explicitamente con difundir entre “todos os clientes” información que podería prexudicar os intereses da firma ►Solicitaba 2.000 euros
WhatsApp. EP
photo_camera WhatsApp. EP

Axentes da Policía Xudicial de Lugo detiveron en Lugo unha muller que supostamente ameazou ao propietario da empresa para a que estivo a traballar con chamar “a todos os clientes” para darlles “datos e informacións” prexudiciais para a mesma se non accedía a ingresarlle nunha conta bancaria a cantidade de 2.000 euros.

Segundo informou a Comisaría Provincial nun comunicado, a muller, detida onte, martes, estivo a traballar na citada empresa, pero ao terminar o período de proba, quedou rescindida a súa relación laboral coa mesma.

“Uns días despois”, segundo o mesmo relato, a antiga empregada envioulle ao que fose o seu xefe e propietario da empresa unha mensaxe de Whatsapp no que o ameazaba explicitamente con difundir entre “todos os clientes” información que podería prexudicar os intereses da firma.

O empresario supostamente extorsionado presentouse nas dependencias policiais e, tras formular a correspondente denuncia, o grupo de delitos informáticos da Policía Nacional iniciou unha investigación que terminou coa imputación da muller e o traslado de dilixencias ao xulgado de garda.