Investigadores do campus de Lugo detectan patotipos de E.Coli en mamíferos da Antártida

A orixe dese estudo está en que existe unha "preocupación crecente sobre o impacto das actividades científicas" e o turismo "en ecosistemas relativamente intactos"

Azucena Mora, profesora e investigadora del Departamento de Microbiología e Parasitología de la USC. EP
photo_camera Azucena Mora, profesora e investigadora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC. EP

Un estudo para avaliar o impacto da actividade humana na Antártida permitiu comprobar a presenza en mamíferos mariños antárticos de patotipos da bacteria E.Coli potencialmente patóxenos e que "con frecuencia están implicados en enfermidades humanas".

Así consta nun artigo da revista Scientific Reports -do grupo Nature- asinado en primeiro lugar pola investigadora Azucena Mora, do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago.

O estudo foi realizado por investigadores do Laboratorio de Referencia da Escherichia Coli (E.Coli), con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra (Lugo), en colaboración con membros do grupo de Sanidade Animal e Zoonosis (SALUVET) da Universidade Complutense de Madrid, da Fundación Oceanográfic de Valencia e da Universidade de Warwick (Reino Unido).

A orixe dese estudo está, precisa a USC nun comunicado, en que existe unha "preocupación crecente sobre o impacto das actividades científicas" e o turismo "en ecosistemas relativamente intactos".

De feito, "os mamíferos mariños actúan como bioindicadores de posibles cambios ambientais, pero a maioría dos estudos realizados ata agora nesas áreas centráronse no efecto das descargas de augas residuais non tratadas xunto ás estacións de investigación".

Segundo a investigadora Azucena Mora, o desafío reside agora en determinar "como e cando" chegaron eses patóxenos á comida que inxeren eses mamíferos mariños, dado que unha "posible explicación podería ser a mobilidade xeográfica deses animais, contactando con áreas de maior actividade humana"
 

Comentarios