A Policía de Lugo desaloxa concertos e festas en pubs por carecer de licenza

Sancionaron a 8 locais o fin de semana por ter a música tan alta que impedía durmir aos veciños

A Policía Local realizou varios controis en establecementos públicos durante o pasado fin de semana e levantou oito actas de infracción a outros tantos locais -situados en diferentes zonas da cidade-nos que se realizaban actividades que molestaban aos veciños.

No centro da capital, os axentes denunciaron a varios establecementos que contan con licenza de café Bar e tiñan actuacións musicais en directo, "cuxo volume era audible fose do establecemento, a bastante distancia".

Segundo explicou a Policía Local, os establecementos con este tipo de licenza, salvo autorización expresa, non poden pór música, e moito menos organizar actuacións de grupos tocando en directo. Aínda así, nalgúns casos, os responsables dos locais non dubidaron en darlle publicidade aos concertos nas redes sociais.

Tamén no centro histórico, os axentes levantaron varias actas por exceder o límite horario establecido, unha conduta que se considera infracción grave na Lei de Espectáculos de Galicia e que leva aparellada unha sanción de ata 30.000 euros.

Os axentes desaloxaron o pub e puxeron fin a un evento que lle estaba quitando o soño a máis dun cidadán

Por outra banda, na zona de Camiño Real, os policías sancionaron a diversos pubs por ter funcionando pantallas de televisión conectadas a un computador con amplificación musical. "O volume da música era tan elevado que se podía escoitar desde o exterior do establecemento coas portas pechadas, coa consecuente molestia para os veciños", sinalaron.

Finalmente, na zona sur de Lugo, a Policía Local levantou unha acta de infracción a un establecemento público no que se estaba celebrando unha festa, "cuxa licencia non se axustaba a esa actividade". Os axentes desaloxaron o pub e puxeron fin a un evento que lle estaba quitando o soño a máis dun cidadán.

Os axentes da Policía Local de Lugo realizan a miúdo estea tipo de dispositivos especiais controlar o cumprimento da normativa autonómica e local de espectáculos públicos e actividades recreativas. Os controis levan a cabo por toda a cidade e intensifícanse naquelas zonas que xeran un maior número de queixas cidadás polos ruídos que xeran os establecementos de hostalería, principalmente o volume da música e os incidentes na vía pública tras exceder o horario de peche.