O lucense que máis sancións acumula non poderá volver conducir ata 2050

Descenden os delitos de tráfico, que suman 450 detidos ao ano de media na provincia

Control de Tráfico en una carretera de la provincia de Lugo. AEP
photo_camera Control de tráfico nunha estrada provincial de Lugo. AEP

Os delitos contra a seguridade viaria descenderon de forma considerable en Lugo ao longo dos últimos anos, froito fundamentalmente dun cambio de mentalidade da cidadanía, cada vez máis concienciada, e dos cambios lexislativos en materia de tráfico rexistrados en 2007, que endureceron as penas para os infractores.

Segundo os datos que manexa o Ministerio de Interior, en 2011 contabilizáronse na provincia 770 delitos contra a seguridade viaria, unha cifra que foi descendendo ano tras ano ata chegar aos 396 de 2017, o último exercicio publicado. Ao longo dese período contabilizáronse en total 3.493 delitos de tráfico, o que se traduce nunha media de 500 ao ano.

A pesar do descenso, estas cifras supoñen aínda un problema para a seguridade viaria, xa que se trata de condutas que exceden a mera infracción -que xa entraña un risco considerable- e converten as estradas nun lugar perigoso. Excesos de velocidade que superan en máis de 60 quilómetros por hora os límites permitidos, conducir cunha taxa de alcol superior a 0,60 miligramos por litro de aire expirado, ou circular de forma temeraria e poñendo en perigo a vida dos demais, son tan só algúns dos comportamentos que converten o condutor en delincuente.

Por actuacións así, entre 2011 e 2017 foron detidas e investigadas na provincia de Lugo algo máis de 3.200 persoas, o que supón unha media de 450 ao ano. A cifra non é insignificante, aínda que tamén foi descendendo nos últimos anos, pasando de 677 en 2011, a 364 en 2017.

O 90% dos infractores en materia de seguridade viaria son homes e a maioría está entre os 41 e os 61 anos

O castigo para estes infractores abarca desde unha multa e a retirada de carné, ata traballos en beneficio da comunidade e cárcere. Na provincia de Lugo, o récord de condenas por delitos contra a seguridade viaria teno un home de 45 anos, con iniciais F.J.B.F., que suma un total de 22 antecedentes por infraccións de tráfico e ten o carné retirado ata o 9 de maio de 2050. É dicir, non pode volverse a poñer ao volante do seu vehículo -que ademais lle foi comisado polo xulgado- ata que cumpra 76 anos.

Este lucense foi sorprendido ebrio ao volante en multitude de ocasións, protagonizou varios accidentes de tráfico e incluso roubou un vehículo cando quedou co seu propietario coa escusa de que llo quería comprar.

Hai apenas un mes, esta persoa foi condenada por última vez -por conducir co carné retirado ata o ano 2044 e sextuplicar a taxa de alcol permitida- e a Audiencia Provincial de Lugo decretou o seu ingreso inmediato en prisión para cumprir unha condena de sete meses e medio de cárcere, unha vez por un delito contra a seguridade viaria.

PERFIL. As estatísticas oficiais revelan que os homes de entre 41 e 61 anos son os que máis delitos cometen contra a seguridade viaria. De feito, ao longo de 2017 -último ano publicado por Interior- foron detidas ou investigadas por esta causa un total de 172 persoas nesa franxa de idade, das que 161 eran homes e 11 mulleres.

O lucense con máis condenas por este tipo de condutas, máis dunha vintena, ten 45 anos e non poderá conducir ata cumprir 76

O seguinte grupo de idade con máis infractores é o que vai de 31 a 40 anos, con 89 detidos ou investigados ao longo do citado exercicio, 73 deles homes e 16 mulleres. E na franxa de 18 a 30 anos contabilizáronse 71 infractores, dos que 63 foron homes e oito mulleres.

Finalmente, entre os maiores de 64 anos rexistráronse unha trintena de detidos ou investigados, 28 deles homes e unicamente dúas mulleres. Ademais, foron sorprendidos cometendo infraccións ao volante dous menores de entre 14 e 17 anos, ambos homes.

Estas cifras poñen de manifesto que os homes se saltan moito máis á toureira que as mulleres as normas de circulación, xa que dos 364 detidos e investigados ao longo de 2017, un total de 327 -case o 90%- eran homes e tan só 37 eran mulleres.

A Fiscalía quere regular as apps que avisan dos controis
O fiscal de seguridade viaria, Bartolomé Vargas, enviou o pasado día 10 un oficio a Policía e Garda Civil no que solicita información sobre as apps que avisan dos controis de Tráfico. Vargas anunciou que estuda unha "reforma legal" para poder regulalas.

Uso do móbil
Os axentes tamén poderán investigar as chamadas do móbil tras un accidente.

 

Comentarios