Desarticulada unha banda que roubou coches e en varios negocios de Lugo, A Coruña e Zamora

A Garda Civil detivo a tres individuos e recuperou a ducia de vehículos utilizados en todos estes feitos
Uno de los coches sustraídos. EP.
photo_camera Un dos coches subtraídos. EP.

A Garda Civil desarticulou unha banda que se dedicaba ao roubo de vehículos cos que, despois, chegou supostamente a perpetrar 27 asaltos, entre agosto e outubro do ano pasado, en establecementos de Lugo, San Cibrao, Cervo, Foz, Outeiro de Rei, Oural, Rubián, Escairón, Chantada e Sarria, e tamén en Culleredo (A Coruña) e en Benavente e Torre del Valle (Zamora).

En concreto, a Benemérita detivo a tres integrantes deste grupo criminal, asentado na capital lucense. O suposto xefe da banda foi arrestado ao seu regreso de Francia para asistir a un xuízo por outros feitos delituosos. Á hora de cometer os roubos, os detidos tapaban o seu rostro con capuchas, á parte de utilizar máscaras, o que dificultaba a súa identificación.

Os tres detidos teñen entre 20 e 30 anos e son de Lugo. Están acusados de varios delitos de furto de vehículos a motor, roubos con forza e un roubo con violencia e intimidación en establecementos comerciais.

Os presuntos autores destes feitos foron descubertos pola Garda Civil entre outras cousas porque só roubaban coches dun grupo automobilístico e estes vehículos eran utilizados, posteriormente, para cometer roubos con forza en establecementos públicos, de onde levaron máquinas comecartos, rexistradoras e tamén décimos de lotería.

Tras o arresto, a Garda Civil logrou recuperar os doce vehículos utilizados nos distintos roubos, nos que se produciron danos e se subtraeron efectos varios por valor duns 100.000 euros.

MODUS OPERANDI. Unha vez que roubaban un coche, os autores destes feitos fracturaban o seu sistema de peche e arranque. Á súa vez, cun desaparafusador ou un obxecto punzante similar, furaban o cadro de mandos dos vehículos para poder facer o arranque e, á vez, non deixar ningún tipo de rastro persoal nese dispositivo co que se lles puidese posteriormente identificar polas correspondentes forzas da orde.

Os coches utilizábanos para ir roubar e transportar o botín. Despois, desfacíanse destes vehículos enchéndoos de restrollos, herbas e terra por todo o seu interior, en aras de evitar tamén calquera resto biolóxico e unha posterior detención, segundo indica a Garda Civil.

Comentarios