A Deputación de Lugo demanda á Xunta a gratuidade dos libros de texto

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, lembrou que o PP de Feijóo eliminou a gratuidade dos libros e que hoxe o PP opta por manter esa situación nun contexto económico aínda máis complexo
Pilar García Porto. AEP
photo_camera Pilar García Porto. AEP

A Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia a gratuidade dos libros de texto e o fin dos recortes de persoal en educación na provincia. Así se acordou, co voto en contra do PP, no Pleno ordinario do mes de setembro celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Grupo Provincial Socialista.

Desde a institución provincial demandan ao Goberno autonómico que remate coa política de recortes de persoal, nomeadamente no rural, e que explique en sede parlamentaria como empregou os fondos extra de 92 millóns do Estado para reforzar a educación por mor do covid. 

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, reclamou ao PP "un compromiso real coa educación pública e coas familias lucenses e garanta a gratuidade dos libros de texto para todas as etapas do ensino obrigatorio semellante ao que estivo en vigor durante os anos do Goberno de Pérez Touriño".

A deputada lembrou que o PP de Feijóo eliminou a gratuidade dos libros e hoxe o PP opta por manter esa situación nun contexto económico aínda máis complexo. Nesa liña, incidiu en que o detrimento da educación pública na nosa Comunidade "é unha cuestión ideolóxica e de vontade política". A voceira socialista recalcou neste sentido a incoherencia de Feijóo porque pide agora en Madrid a gratuidade dos libros de texto, cando á súa chegada á Xunta en 2009 suprimiu esta medida, que implantara o Goberno de Touriño. "Non fan o que predican", asegurou.

Medidas excepcionais do Goberno do Estado

Sinalan tamén que, mentres tanto, "o Goberno de Pedro Sánchez adopta medidas excepcionais de alivio para as economías familiares, como por exemplo o aumento das becas en case un 25%, a rebaixa das taxas universitarias, o impulso da FP, o bono cultural xoven ou a aprobación da Lomloe, unha reforma para unha educación baseada nas competencias, aberta á innovación e ás mellores prácticas”, puntualizou.

Recortes do PP

Pilar García Porto denunciou que, despois de 13 anos de goberno do PP, "hai 138 centros escolares pechados e 1.500 mestres menos en Galicia. E vostedes din que defenden a educación pública?", preguntou.

Ademais, criticou o destino dos fondos covid: "A Xunta recibiu fondos extra do Estado por importe de 827 millóns de euros para reforzar os servizos públicos dende que comezou a pandemia, pero o PP sempre se negou a dar conta en sede parlamentaria de como empregou os 92 millóns percibidos para educación. Mentres a Xunta obrigaba a asumir aos concellos os gastos da desinfección das escolas, gastaba polo menos 13 millóns deses fondos extra en cambiar cubertas en mal estado, uns labores de mantemento que a Xunta debería ter asumido co seu orzamento ordinario". "Cambian os dereitos por negocio", sinalou a deputada.