Esperan para 2017 a apertura dun centro de día para autistas adultos

Álvaro Santos anuncia unha subvención de 90.000 euros para que a asociación Raiolas poña en marcha o proxecto

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, anunciou, tras a xunta de goberno, a aprobación dunha subvención de 90.000 euros para que a asociación Raiolas, asociación formada por pais, nais e titores legais de persoas con Trastorno do Espectro Autista, poña en marcha un centro de día para autistas adultos na gardería do campus.

Os 90.000 euros, segundo explicou, vanse a destinar para acondicionar este local, nunha subvención que suple a outra de 70.000 euros á que se tivo que renunciar "por diferentes razóns burocráticas".

O goberno provincial calcula que sobre "corenta persoas" poderían ser acollidas nese centro de día, emprazado na gardería do campus que foi obxecto de distintos ataques vandálicos e evitar en "algún caso" que se teñan que trasladar ao municipio coruñés das Pontes.

Santos confía que unha vez resoltos todos os "escollos" administrativos, o próximo ano 2017 bote a andar o primeiro centro destas características con que contará a provincia de Lugo.

IMPULSO DO MEDIO RURAL. Ademais, o vicepresidente provincial informou de que ao longo do presente ano se rexistraron 483 solicitudes dentro de "a programación de impulso do medio rural, por valor de case 5,1 millóns de euros".

"Na liña de melloras de camiños e accesos rexistráronse 248 solicitudes por valor de máis de 2,5 millóns de euros, na liña de acondicionamento de centros socioculturais 130 solicitudes por un valor 1,2 millóns de euros, na liña de obras novas na rede de abastecemento de augas 42 por valor de 858.000 euros e na liña de mellora de abastecemento de auga foron 63 por valor 501.000 euros", comentou.

"O servizo de plans especiais onde se xestiona está a traballar na valoración destas solicitudes para ver cales, en función do baremo, son concedidas e cales non ata que se esgote o crédito para tal fin de 1,5 millóns de euros", ha abunado.

Comentarios