Oito deportistas lucenses únense para concienciar sobre igualdade e Xacobeo

PRESENTACION O CAMIÑO QUE NOS UNE SEDE DA XUNTA LUGO
photo_camera Presentación do programa 'O Camiño que Nos Une'. SEBAS SENANDE

Oito deportistas lucenses de renome tomarán a palabra para promover entre a mocidade valores de igualdade, inclusión e de impulso ás rutas xacobeas da provincia no marco do proxecto O Camiño que Nos Une, que conta co financiamento do programa O Teu Xacobeo e que foi presentado este mércores na delegación territorial da Xunta en Lugo. 

A iniciativa, ideada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, desenvolverase de xeito telemático e mergullará o alumnado de oito centros educativos no impacto positivo que teñen as rutas xacobeas sobre a contorna. En concreto, a campaña chegará a oito en IES e CPI da provincia, con participantes de dous municipios por cada un dos Camiños oficialmente recoñecidos. O primeiro acto terá lugar o luns 22 de marzo en Pedrafita. 

No acto de presentación estiveron presentes Ángel Trabada, presidente da Asociación de Amigos do Camiño; a atleta Adi Iglesias, unha das participantes no proxecto; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

Os centros educativos participantes son o CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro e o IES do Camiño de Palas de Rei en representación do Camiño Francés; o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo e o IES Basanta Silva de Vilalba no Camiño do Norte; o IES Francisco Daviña Rei de Monforte de Lemos e o IES Lama das Quendas de Chantada como referencias vinculadas ao Camiño do Sur ou de Inverno; e, finalmente, como representantes do Camiño Primitivo, o CPI de Castroverde e o IES Lucus Augusti da capital lucense. 

Así as cousas, as voces protagonistas serán as das deportistas, que achegarán as súas vivencias e traxectorias ao alumnado para concienciar sobre igualdade e inclusión. 

Os relatores serán a atleta Alessandra Aguilar, a xogadora do Pescados Rubén Lara Balseiro, a xogadora de voleibol Nuria Bouza, a piragüista Tania Fernández, a judoca Sara Álvarez, as atletas Saleta Fernández e Adi Iglesias, así como Hilda Rodríguez, primeira deportista galega en alcanzar unha medalla nuns Xogos Paralímpicos (Atlanta 1996).

Comentarios