Denuncian a ocupación doutro edificio de tres plantas na Milagrosa

Lugonovo atribúe esta nova ocupación "á degradación que está a sufrir este barrio da capital"

Barrio de A Milagrosa. J.VÁZQUEZ
photo_camera Barrio da Milagrosa. J.VÁZQUEZ

O grupo municipal de Lugonovo denunciou a ocupación do edificio número 28 da Rúa da Milagrosa, no barrio do mesmo nome, que sería consumada "esta mañá" (por este xoves), despois de que "nos últimos días varias persoas entrasen a vivir nas dúas plantas superiores" do inmoble, de tres alturas.

Esta situación, precisa Lugonovo, "derivou en momentos de tensión entre os veciños", que solicitou a intervención da policía "ante o estrondo que saía dese inmoble".

Lugonovo (En Marea) atribúe esta nova ocupación "á degradación que está a sufrir este barrio da capital, ao deixamento do goberno local, á falta de intervención en materia urbanística e á ausencia de alternativas habitacionais".

"A construción, que fai esquina coa rúa Menorca, leva moito tempo deshabitada e nun estado calamitoso. E como esta casa hai moitas máis no barrio. Se o executivo segue de brazos cruzados, toda a contorna acabará agonizando", dixo o candidato á alcaldía, Xosé Chorén.