O PP denuncia unha demora de 18 meses nas licenzas de obra no rural de Lugo

Aseguran que o Concello resolveu en 2019 un permiso cada catro días
Manuel López. AEP
photo_camera Manuel López. AEP

O Partido Popular denunciou que os propietarios están a asumir unha espera media de 18 meses para obter unha licenza de obra nas zonas rurais do municipio de Lugo, de modo que hai casos nos que "se tarda máis en sacar o permiso que en facer as obras".

O concelleiro popular Manuel López asegura que este colapso "na concesión de licenzas" para realizar obras no medio rural está a provocar que os propietarios que queren ampliar ou rehabilitar vivendas e explotacións agrarias nas parroquias de Lugo perdan "tempo, diñeiro e tranquilidade". De feito, os populares estiman que no ano 2019 o Concello só resolveu "unha licenza cada catro días".

O PP tamén acusa á administración local de seguir "criterios arbitrarios" á hora de conceder esas licenzas, porque "hai algunhas que quedan resoltas en 76 días", mentres que a tramitación doutras se prolonga durante 2.000.

Manuel López expresou a súa preocupación polo feito de que está a empeorar "o cociente de resolución de expedientes", dado que a principios de 2019 era de 7,3 licenzas mensuais, pero a finais de ano baixouse a 5. 

Comentarios