Denunciado un lucense por facer unha fogueira en plena rúa

Prendeu lume a varias máscaras e uns taboleiros na Rúa Vicente Risco
Vehículo de la Policía Local de Lugo. AEP
photo_camera Vehículo da Policía Local de Lugo. AEP

Axentes da Policía Local de Lugo denunciaron un home que se puxo a facer unha fogueira en plena rúa.
Os feitos sucederon sobre as 20.30 horas deste martes 15 de setembro, na Rúa Vicente Risco. Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio viu que un home estaba "a queimar unhas máscaras e uns taboleiros" na vía pública.

Segundo constataron os axentes, había un claro risco de que as chamas se propagasen aos sebes dunha leira que é propiedade da Xunta de Galicia, dado a súa proximidade coa fogueira. A patrulla sufocou o lume e identificou o seu responsable, ademais de levantar a correspondente acta de infracción.

SEN CARNÉ. A Policía Local informou tamén doutra actuación levada a cabo o martes, cando unha patrulla de servizo no mercadillo do Parque da Milagrosa interceptou a un vehículo que circulaba pola zona de estacionamento fronte ao auditorio Gustavo Freire. Ao darlle o alto e solicitarlle a documentación do coche, o condutor presentoulles unha fotocopia compulsada dun permiso de conducir ao seu nome, aínda que posteriormente comprobaron que se lle retirou o carné desde novembro de 2019 ata maio de 2022. Atribúeselle un delito contra a seguridade viaria.

Comentarios