A demora do novo contrato do lixo obriga a adquirir colectores

O PP pide que se substitúan uns 200 recipientes e a alcaldesa di que será unha compra "de mínimos"
Contenedores con la tapa rota en el barrio de A Milagrosa. XESÚS PONTE
photo_camera Contenedores con la tapa rota en el barrio de A Milagrosa. XESÚS PONTE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou este luns que a concellaría de medio ambiente xa está a tramitar a compra de novos colectores de lixo para a cidade, á vez que continúa co proceso para renovar o contrato de recollida do lixo e limpeza. Será, no entanto, "unha adquisición de mínimos para renovalos nos emprazamentos nos que a súa substitución resulta imprescindible", dixo.

Méndez saíu así ao paso da proposta lanzada horas antes polo PP, quen pediu que se adquiran polo menos uns 200 recipientes, como outros tantos recambios para reparar pedais, tapas e mecanismos de colectores que están avariados ou rotos.

"Estamos a ver como, cada vez que entra unha petición veciñal para que lles reparen ou cambien o colector da súa rúa, respóndeselles dando longas dicíndolles que teñan paciencia e que esperen a que se concrete o novo contrato do lixo", denunciou o viceportavoz do PP, Antonio Ameijide.

Os populares fan esta petición porque sospeitan que o novo contrato vai tardar, debido ao recurso xudicial que interpuxo o Concello contra a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) que instaba a readmitir no proceso a unha empresa que fora excluída.

Méndez asegura que o Concello seguirá adiante co a renovación do contrato do lixo pese ao recurso xudicial

A alcaldesa reiterou este luns que "a vontade do goberno é seguir co procedemento de contratación, se non hai ningún impedimento legal que nos faga cambiar a folla de ruta, para finalizalo ou antes posible e proceder á súa licitación definitiva", asegurou. O PP mantén que, na comisión celebrada o venres, a concelleira de economía asegurou que se ía a aprazar a adxudicación do servizo ata que se resolva o contencioso.

CONTRATO CADUCADO. O contrato do lixo e a limpeza está caducado desde marzo do ano 2017 e o novo, que se prevé adxudicar por dez anos, roldará os 134 millóns de euros.

A escaseza e a deterioración dos colectores é unha queixa constante dos veciños, pero o servizo reséntese tamén noutros aspectos. A maquinaria é antiga e está amortizada, polo que as avarías son frecuentes.

O PP sostén que o problema é "serio" e que, de non corrixirse, pode ter consecuencias para a salubridade pública. A renovación do contrato, que está en mans de Urbaser, vai con atraso debido ao recurso que presentou unha das empresas que optaban a el.

Comentarios