Deixa o coche no taller sine die por un preito e vai traballar en taxi

A dona recorreu ao xulgado e rexeita pagar por unha avaría que cre que lle causaron

Unha lucense denunciou no xulgado a un taller mecánico ao que responsabiliza da avaría que sofre o seu turismo, debido, ao seu entender, a unha mala reparación previa. O vehículo leva unha semana no establecemento á espera de que o negocio asuma o custo do arranxo, segundo asegura a demandante, e desde entón esta desprázase cada día en taxi ao seu traballo en Outeiro de Rei porque non dispón doutro medio de transporte.

O turismo, matriculado hai 15 anos e que ten case 103.000 quilómetros, precisa unha nova caixa de cambios porque "perde valvulina", segundo informou o taller. A denunciante asegura que a reparación custa máis de 1.000 euros.

"Síntome enganada. O taller non se fai responsable. O coche entrou sen problema ningún e este aparece despois de que o manipulasen eles. Algo fixeron mal", considera a afectada.

Segundo a documentación presentada no xulgado, a denunciante levou o seu turismo en marzo ao taller para cambiar o disco de embrague. Entón abonou 365,82 euros.

O pasado día 16 volveu levar o vehículo ao mesmo taller para cambiar a correa de distribución, a bomba de auga e o filtro do aceite, entre outros elementos, dentro dos labores de mantemento dado os anos e quilómetros que ten o vehículo. Pagou 364,97 euros. Ese día entregáronlle tamén un diagnóstico no que non aprecian ningunha avaría.

Tres días despois acudiu de novo porque lle fallaban as marchas. A denunciante considera que o taller debe asumir o cambio porque o coche está "en garantía" polas reparacións feitas. Mentres que o negocio atribúe a avaría a un problema diferente.

Á espera de que o xulgado resolva ou que o taller se responsabilice da reparación, a afectada desprázase todos os días a Outeiro de Rei en taxi, que a recolle na casa ás 6.30 horas e á saída do traballo ás 14.40.