Os Defuntos veñen pobres

Poucas flores e pouco público no mercado das flores da Praza de Abastos, onde o gasto medio rolda este ano os 20 euros
Uno de los vendedores de flores que estaban el miércoles en el sótano de la Plaza de Abastos. ANA SOMOZA
photo_camera Un dos vendedores de flores que estaban o mércores no soto da Praza de Abastos. ANA SOMOZA

Poucas flores e poucos clientes. Os Defuntos este ano parecen vir máis pobres que en edicións anteriores aínda que o gasto medio por cliente en flores oscila entre os 15 e os 20 euros no mercado que se celebra no soto da Praza de Abastos. Dicíao este mércores un dos vendedores máis veteranos que pon o seu posto na Praza por estas datas e que leva xa trinta anos alí, ao pé do canón, por Santos.

"O mercado do martes foi un pouco mellor pero o do mércores foi moi regular. O que se vende actualmente en flores non ten nada que ver con hai trinta anos, cando empecei a vir aquí. Entón vendíase un 60 por cento máis que actualmente, sen esaxerar, porque había moita menos competencia e non chegaban as flores que traiamos. Agora teñen flores os centros comerciais e os comercios chineses e iso nótase", afirma este vendedor, que prefire non dar o seu nome.

Ademais do volume das vendas, tamén cambiaron os gustos dos clientes nestas últimas tres décadas. Por exemplo, nos anos 90 do pasado século aínda había floristas que se pasaban dous días tecendo cruces con flores, un produto que agora xa non existe.

"¡Iso si que daba traballo! Pero agora non se vendería nin unha. A maioría da xente leva un ramo mixto con caraveis vermellos, margaridas brancas, dalias pompón brancas e paniculata. Ese é o ramo clásico, que anda entre 8 e 10 euros", asegura o florista.

PREZOS. O máis económico que se pode levar ao cemiterio é o ramo de margaridas brancas, entre 3 e 5 euros. Séguelle a ducia de caraveis, a 7 euros.

Se as flores se compran por unidade, a máis económica é lilium, a 1,50 euros. En segundo lugar, están a camelia e a rosa, a 2. A dalia pompón sobe un pouco máis, ata 2,50.

Na Praza, tamén se vendían o mércores centros —moitos deles feitos de forma artesanal por labradoras- a 12 euros. A planta de cristantemo estaba entre 8 e 10.