Def Con Dos actuará en Lugo, tras a anulación en Madrid, pola "liberdade de expresión"

O Concello anima a acudir ao San Froilán a quen non tivo ocasión de ver o grupo en Madrid, onde se cancelou a actuación da banda por "lexitimar o terrorismo"

César Strawberry, cantante de Def Con Dos. AEP
photo_camera César Strawberry, cantante de Def Con Dos. AEP

O grupo Def Con Dos formará parte do programa das festas de San Froilán de Lugo, segundo confirmou este luns o Concello, despois de que o de Madrid anulase un concerto da banda por entender que o seu cantante "lexitima o terrorismo".

En declaracións aos medios de comunicación, a edil responsable da área de Cultura, Maite Ferreiro, do BNG, precisou que a inclusión deste grupo nas celebracións obedece a que a cidade ofrece un "espazo para a liberdade de expresión e para a diversidade".

Por iso, "invitamos a todas as persoas que non puideron gozar deste grupo en Madrid, debido ao retroceso das liberdades impulsado polos gobernos de dereitas", sinalou Ferreiro. Ademais, haberá descontos en medios de transporte para viaxar a Lugo desde a capital de España, onde se anulou o concerto previsto coa chegada do novo goberno local asegurando que "non é digno dunha institución" promover a actuación dun grupo cuxo cantante foi condenado polo Supremo por enaltecemento do terrorismo ou humillación ás vítimas por varios comentarios en Twitter.

COMISIÓN. A edil Maite Ferreiro tamén anunciou que en breve estará constituída a comisión encargada de organizar esas festas declaradas de interese turístico nacional, que estará formada por tres membros do PSOE, tres do PP, dous do BNG e un de Cs.

O Concello pediu aos grupos políticos achegar "ideas para o programa de festas". "Escoitaremos as propostas de todas as veciñas e veciños e dos colectivos de Lugo", dixo a edil, para ter "unhas festas con variedade de estilos" e que "sexan de todas as lucenses".

Comentarios