jueves. 27.02.2020 |
El tiempo
jueves. 27.02.2020
El tiempo

LUGO

Tres décadas de vida 'milagrosista'

Unha feira organizada no barrio pola asociación. EP
Unha feira organizada no barrio pola asociación. EP
Dúas exposicións con noticias de El Progreso sobre os últimos sesenta anos axudarán a coñecer como creceu o barrio e os veciños poderán achegar fotos da evolución da zona

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa celebrará en 2020 os seus primeiros 30 anos de vida con varios actos entre os que se inclúe a concesión dun novo premio e a organización de dúas exposicións que servirán para revisar os cambios vividos por este barrio desde a súa creación nos anos 60 do século pasado.

O presidente deste colectivo, Jesús Vázquez, que recorda que en 1991 iniciaron os trámites para a constitución dunha asociación que tiña por obxecto organizar as festas e dinamizar a vida social e cultural do barrio, explica que ao longo do próximo ano celebraranse varios actos conmemorativos da efeméride que comezarán xa no primeiro trimestre cun acto de entrega dunha nova distinción denominada 'Pegada veciñal'.

Recrearanse en cerámica as mans de persoas que colaboraron co colectivo estes anos e axudaron a promocionar o barrio

Explica que con este premio, que consiste na impresión en barro ou cerámica das pegadas dunha persoa, preténdese recoñecer a colaboración daquelas persoas que ao longo destes 30 anos colaboraron coa asociación e promocionaron o barrio da Milagrosa. Así, as pegadas do homenaxeado colocaranse en cadros cunha placa alegórica que serán colgados nas paredes da sede da asociación.

Ademais, ao longo do próximo ano o colectivo inaugurará no seu local social dúas exposicións con imaxes e páxinas de El Progreso nas que se recollerán noticias sobre A Milagrosa publicadas durante os sesenta anos de vida que ten este barrio. A primeira delas, que se prevé presentar en marzo, abarcará desde a década dos 60 ata os 80, e aludirá a acontecementos como a inauguración da igrexa parroquial, a apertura de rúas ou a evolución da cárnica Frigsa. A segunda mostra incluirá desde os anos noventa ata a actualidade e prevese abrir na segunda metade do ano.

A asociación inaugurará dúas exposicións con imaxes e páxinas de El Progreso que recollerán noticias sobre o barrio de nbsp;A&Milagrosa

Jesús Vázquez anima a aqueles veciños que teñan imaxes antigas singulares a que as cedan temporalmente para incluír na mostra, que permitirá profundar no coñecemento do barrio e que os máis novos descubran as orixes e como foi crecendo A Milagrosa. Este colectivo, que é un das máis numerosos da provincia ao contar cuns 400 asociados, organiza ao longo do ano actividades como a Feira de San Isidro, a Festa do Becerro ao Espeto, que fai en colabroación coa da Piringalla, a Gala Milagrosistas do Ano ou a Operación Quilo de Nadal.

A Operación Quilo, de feito, está en marcha nestes momentos e ata o día 13 poderanse apuntar todos os veciños que desexen recibir alimentos na campaña. Para o día 22 prográmase a tradicional caravana de recollida de doazóns.

Tres décadas de vida 'milagrosista'
Comentarios