De manchar A Mosqueira a plantar un camión no Vello Cárcere

O Concello denuncia que a firma á que paralizou unha máquina por verter aceite na nova zona peonil levou ao día seguinte un vehículo de gran tonelaxe e apostouno na tamén renovada beirarrúa fronte á antiga prisión. Bota a culpa á Xunta, que di que o vehículo entrou para retirar o vehículo avariado o día antes
El camión estacionado en la acera de O Vello Cárcere. EP
photo_camera El camión estacionado en la acera de O Vello Cárcere. EP

¿Provocación ou só falta de tacto? Se o luns inmobilizou unha máquina por estar a regar de aceite o novo pavimento da recentemente creada zona peonil de A Mosqueira, o departamento de infraestruturas do Concello recibiu este martes case como un desafío que a mesma firma, segundo asegurou, apostase durante polo menos media hora un camión de gran tonelaxe sobre a beirarrúa de O Vello Cárcere, un espazo tamén arranxado hai pouco. O camión parouse na mesma porta do edificio e deixouse alí co motor aceso.

Esa 'provocación' volveu causar indignación no departamento do nacionalista Alexandre Penas, que responsabilizou directamente á Xunta, xa que debe ser esta a que esixa ás empresas que contrata un comportamento responsable cos bens da cidade.

Ao final mobilizouse á Policía Local, unha resposta máis que razoable, en opinión do goberno local. Nese sentido, a tenencia de alcaldía de Lugo recordou que o propio Concello ten que comunicar previamente á Policía Local o entrada estacionamento de calquera camión pesado a espazos públicos de Lugo. Hai que facelo, por exemplo, para que se autorice a entrada de camións para os concertos, puxo de exemplo.

Iso si, a empresa limpou, como lle esixiu tamén a Xunta, as manchas no pavimento que provocou o luns cos traballos de retirada de maleza da muralla. Trátase dunha limpeza que a firma debe ter lista para mediados de abril.

A Xunta explicou xa entrada a noite que a empresa comunicou que o camión entrou á zona para levar a máquina que se había avariado un día antes e que provocou a vertedura de aceites e apuntou que a empresa pedira permisos para meter maquinaria na zona na que ten que traballar. Recalca que a limpeza da muralla hai que facela e tamén incide en que se van a colocar proteccións nos puntos nos que se meta un camión para facer a retirada da maleza.