David Fiuza renuncia á dirección da Banda e cultura busca novo titular

A idea é que asuma a dirección da Banda David Llano Díaz, que quedara segundo na oposición organizada polo Concello para cubrir a praza
undefined
photo_camera David Fiuza, no fornelo da música da Praza Maior. XESÚS PONTE (AEP)

David Fiuza, elixido o pasado 13 de marzo como director da Banda de Música, renuncia ao posto e o departamento de cultura do Concello xa traballa na designación dun novo titular da agrupación musical, que arrastra anos de gran inestabilidade.

A idea é que asuma a dirección da Banda David Llano Díaz, que quedara segundo na oposición organizada polo Concello para cubrir un baleiro que se prolongou anos.

David Llano Díaz, ferrolán, é tamén un mozo director e acumula xa un brillante currículo, no que destaca o ser o único español finalista na Warsaw Wind Ensemble Competition 2019, celebrada en Varsovia e á que chegaron 21 directores de12 nacionalidades distintas.

Cultura está nestes momentos traballando coa área de persoal do Concello para buscar a mellor fórmula para cubrir a praza de director da Banda, unha vez que Fiuza confirmou a súa renuncia ao posto dado que pasará a estar á fronte da de Santiago.

Fiuza trasládase como director á Banda Municipal de Santiago

Trátase de dilucidar se Llano pode ser nomeado directamente director, ao aprobar tamén a oposición, aínda que quedase en segundo lugar, logo de David Fiuza.

Se non, unha fórmula alternativa podería ser que asumise de xeito provisional o posto, ata que se poida facer cargo definitivamente da dirección.

A renuncia de Fiuza, que chegaba cun gran prestixio pero que non chegou a dirixir nin o primeiro concerto da Banda de Música de Lugo, provocou un sabor agridoce en Lugo, primeiro porque se perde a un músico de talento recoñecido e segundo porque supón volver á casa de saída cando se deu por resolto o problema de falta de liderado na Banda.

A inestabilidade na agrupación musical, creada por Juan Montes, é crónica e esténdese ata os seus inicios, pero nos últimos anos volveuse moi aguda e afecta tanto á Banda de Música como á Escola Municipal de Música.

Os lucenses xa nin recordan cando a Banda ao completo ofreceu un concerto na cidade. O problema da falta de dirección súmase a falta de músicos.

En cultura atribúen a que hai moi poucos músicos co título de director as dificultades para atopar un líder para a Banda.

Comentarios