sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Darío Campos salva a vida a un home que sufriu un infarto en plena rúa

Darío Campos (izquierda), con Lara Méndez, entre otros, en el acto del aniversario de Aspnais
Darío Campos (izquierda), con Lara Méndez, entre otros, en el acto del aniversario de Aspnais
O presidente da Deputación practicoulle labores de reanimación tras ver que caía fulminado ao chan. A filla do afectado asegura que sen a súa intervención o seu pai morrería

O presidente da Deputación, Darío Campos, converteuse este xoves nun heroe cidadán logo de conseguir reanimar a Emilio Vilaboa, de 70 anos, que caeu fulminado ao chan na rúa San Roque, vítima dun infarto, a poucos metros do político, que regresaba dun acto en Aspnais, en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, e do deputado Álvaro Santos. O suceso ocorreu sobre a unha da tarde, cando Emilio Vilaboa -exxerente de Talleres Vilaboa, na rampla de Claudio López- saía dunha farmacia de San Roque, situada enfronte do asilo, acompañado da súa muller.

O primeiro en acudir ao socorro deste home foi Campos que, de lonxe, viu como se esborrallaba ao chan Emilio Vilaboa. Nese momento, Campos botou a correr cara a el para prestarlle axuda mentres que Álvaro Santos chamaba ao 061. Postos en contacto co servizo de Urxencias, o presidente da Deputación foi seguindo as indicacións que lle daban, por vía telefónica, desde o 061, en tanto que esperaban a chegada dunha ambulancia. Os tres participaron, dun xeito ou outra, no salvamento deste home, pero Darío Campos tivo máis protagonismo xa que foi quen tomou a iniciativa de facerlle a reanimación cardiopulmonar que, finalmente, salvoulle a vida. "Se non están eles alí, o infarto tería consecuencias irreversibles. Eses tres minutos primeiros foron vitais. Tanto este home como o outro que o acompañaba se turnaron para facerlle a reanimación, sen coñecelo de nada. Estámoslles moi agradecidos, especialmente porque non é habitual atoparse a xente así nos tempos que corren", contaba este xoves Begoña Vilaboa, filla do home que sufriu o infarto, á que a alcaldesa, Lara Méndez, avisou desde o lugar do que lle ocorreu ao seu pai. A alcaldesa chamouna para avisarlle do sucedido e para que acompañase á súa nai, moi nerviosa.

Ao final, a ambulancia chegou con gran celeridade pero, cando o fixo, o home xa empezara a recuperar a respiración. Emilio Vilaboa foi trasladado ao Hula, onde se atopa ingresado na UCI logo de serlle implantado un ‘stent’.

Coa respiración, o home recuperou tamén a consciencia e espérase que a súa evolución sexa positiva despois do transo vivido. "Os médicos dixéronnos que se lle habían tupido as arterias e, por iso, tivera o infarto. Él está estable e consciente. Con todo, non se acorda de nada do que lle pasou. Simplemente, di que sentiu algo así como un mareo e que logo, xa reanimado, sentía frío. Eses tres minutos foron vitais e esta xente soubo reaccionar a tempo. Entre uns e outros, o meu pai salvou a vida. Se non fose así, probablemente sería xa irreversible. Aínda queda xente con moita humanidade", insistía a súa filla, aínda impactada polo sucedido.

Campos restou importancia ao feito e mostrou a súa incomodidade porque transcendese.

Darío Campos salva a vida a un home que sufriu un infarto en plena rúa
Comentarios