miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

Dani xa saborea ao seu Tiramisú

Tiramisú e Dani facendo faragullas.
Tiramisú e Dani facendo faragullas.
Este neno lucense, que sofre un trastorno de espectro autista, coñeceu esta semana ao que será o seu can de asistencia, o primeiro que a ONG DogPoint entrega a unha familia en Galicia

O Tiramisú que Dani saborea estes días na súa casa está para comerllo pero non é un doce, aínda que hai que recoñecer que este labrador de 30 quilos non ten nada que envexarlle tampouco en dozura ao coñecido pastel.

Este can labrador, educado expresamente pola ONG DogPoint poder coidar de Dani, chegou a Lugo o pasado luns para contactar, por primeira vez, co que será o seu futuro dono: Daniel Vázquez Pardo, un neno de 8 anos cun trastorno de espectro autista que, ademais, acaba de pasar hai uns días por cuarta vez polo quirófano para someterse a un cateterismo e á colocación dun stent na súa vea aorta e así tratar de resolver un problema de corazón co que naceu. Tiramisú é o primeiro can de asistencia que DogPoint entrega en Galicia. "Quero quedarme con el, darlle comida, ensinarlle como sentar e quero tamén duchalo. Mamá, ¡necesitamos unha ducha para lavar o can!", pide Dani desde a cadeira de rodas que manexa hábilmente e que debe usar para recuperarse da operación.

Tiramisú chegou a Lugo o luns, acompañado de Cris Novilla, traballadora social de DogPoint. Ambos ocupan un piso no mesmo edificio onde vive Dani. A idea é ir achegando o can ao seu futuro dono para que vaian coñecéndose. En nadal, xa estarán definitivamente xuntos. "Tiña unhas ganas tolas de velo. Levaba unha semana preguntando cando viría e estaba a esperar pola fiestra a velo chegar. Reaccionou moi ben cando o viu, iso que a Dani dáballe escrúpulo, ao principio, ver como se bababa ou ver como trataba de achegarse a el. Con todo, ao pouco tempo, deulle un bico e deulle para comer da man. Tamén se quixo tirar encima del cando aos cans grandes tenlles medo. E o can reaccionou moi ben, ao pouco tempo xa quería vir a casa", conta a súa nai, Yolanda.

O can está a ser educado para protexer a Dani e darlle autonomía nos paseos. O neno irá suxeito ao can cun cinto e, se se solta un das ancoraxes, o animal sentará e non se moverá ata que cheguen os seus pais, evitando a fuga do pequeno. Estes cans proporcionan, ademais, calma aos nenos autistas en caso de crise, contribuíndo a reducir a tensión da familia.

O reto de Óscar do próximo sábado

Dani e a súa familia levan esperando polo can un ano. Para poder facerse co can, que supón un custo de 17.810 euros, puxeron en marcha a campaña ‘Un amigo para Dani', a través da web migranodearena.org, na que se aceptan donativos mediante crowdfunding.

Actualmente, a familia necesita 11.000 euros aínda para completar o orzamento destinado ao can, pero esperan reunir o diñeiro para telo en casa por nadal.

Muralla

Nesta campaña, a familia contou co apoio desinteresado de moitos lucenses. Entre eles, o atleta Óscar Domínguez, que o vindeiro sábado levará a cabo o reto de dar voltas ao adarve da muralla, de nove a dúas, para contribuír á causa.

A familia de Dani instalará unha caseta, na porta de Santiago, para recibir donativos, que irán directos á ONG DogPoint para sufragar os gastos do can.

Dani xa saborea ao seu Tiramisú
comentarios