Cultura musealizará in situ a cloaca romana

Os restos foron atopados a poucos metros da Muralla, na parte traseira do instituto Xoán Montes

Visita a las obras de la muralla. J. VÁZQUEZ
photo_camera Un instante da visita ás obras da muralla. ELISEO TRIGO

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, confirmou que o seu departamento investirá 60.000 euros no desenvolvemento dun novo proxecto para musealizar in situ parte da cloaca romana da vella Lucus Agusti, cuxos restos foron atopados a poucos metros da Muralla de Lugo, na parte traseira do instituto Xoán Montes.

"Atopouse na reforma do cubo correspondente. Foi unha sorpresa e o que queremos é pola en valor. Que se poida ver, que se poida visitar. Nalgún momento pensouse que era un resto medieval, falábase tamén dunha especie de túnel -na Muralla-, pero ao final comprobouse que era unha cloaca, no sentido romano do termo", engadiu.

De feito, Román Rodríguez quixo destacar a importancia deste achado porque "na propia Roma un dos elementos máis significativos é a cloaca máxima, que é unha demostración do xenio e da enxeñería dos vellos romanos".

"Estamos pendentes de asinar un convenio co Concello de Lugo, que xa lle foi remitido, para poder iniciar as obras", precisou.

O conselleiro recordou que o seu departamento acaba de finalizar recentemente a restauración dos cubos oitenta e dezasete da Muralla romana, cun investimento ao redor de 370.000 euros e ten "en carteira para executar de forma inmediata" obras de mellora noutros dous cubos e a limpeza dos lenzos do monumento.

"Estamos a falar, entre as obras que acaban de terminar e as que imos executar de forma inmediata, dun investimento de algo máis dun millón de euros", precisou Román Rodríguez durante a visita que realizou este mediodía ao monumento Patrimonio da Humanidade.

Román Rodríguez recoñeceu que, máis aló da importancia cultural da Muralla como Patrimonio da Humanidade, desde un punto de vista práctico o monumento exerce importante función como elemento "tractor" do turismo, por iso é polo que haxa que conservala en perfecto "estado de revista". 

Comentarios