A CSIF insta ao BNG a implantar o control horario no Concello de Lugo

Sinala que o equipo preciso para a fichaxe do persoal instalouse fai máis dunha década e nunca chegouse a estrear

Rubén Arroxo. J. VÁZQUEZ (AEP)
photo_camera Rubén Arroxo. J. VÁZQUEZ (AEP)

O sindicato CSIF espera que o Concello de Lugo deixe "de ser diferente a calquera outra administración", porque aínda non foi capaz de implantar un sistema de control horario "eficaz e fiable" para os traballadores públicos, e insta ao BNG, "o que parece que vai ser "o novo socio de goberno" de Lara Méndez, a pór "mesura e cordura" en relación con este tema.

De feito, o sindicato pídelle ao BNG que "esixa a inmediata posta en funcionamento dos aparellos" para exercer o control horario dos funcionarios municipais, un sistema pagado "con fondos públicos", que foi "instalado fai máis dunha década", pero nunca chegou a funcionar.

O sindicato pregúntase "como é posible que en pleno século XXI o Concello de Lugo sexa a única administración pública que aínda non dispón" dun sistema de control "horario para os seus traballadores".
Na mesma liña, tamén cuestionaba "como unha administración pública pode gastarse miles de euros dos contribuíntes na compra e instalación do sistema para levar a cabo ese control horario e, logo de máis de dez anos, siga sen ser posto en funcionamento".

O sindicato recórdalle á alcaldesa que é "unha norma estatal do seu propio partido" a que obriga a implantar "ese control horario para os seus traballadores".