Cs ve "descontrol" nos contratos do Concello e pide máis "transparencia"

Louzao asegura que o interventor insta a evitar a "indebida utilización" do contrato menor e das "prórrogas tácitas"
Olga Louzao. ARCHIVO
photo_camera Olga Louzao. ARQUIVO

O grupo municipal de Ciudadanos cualifica de "descontrol" a xestión da área económica do Concello e basea as súas críticas nun informe do interventor sobre o Plan Anual de Control Financieiro para 2021 no que se insta a exercer un control sobre as prórrogas tácitas dos contratos públicos ou a indebida utilización da figura do contrato menor.

A portavoz municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, explica que o interventor "pon por escrito estes aspectos de risco que considera que deben ser controlados". En concreto, a edil cita os parágrafos do informe de Intervención nos que se indica que se deben de analizar "as causas e incidencias que produce a continuidade dos servizos e subministracións unha vez finalizado o prazo máximo de duración do contrato", así como outro no que se insta a controlar por que se produce a reiteración de propostas con obxecto similar, os fraccionamentos de obxecto e a correcta tramitación deste tipo de contratos".

A concelleira de Cs interpreta que as apreciacións do interventor indican que lle preocupan os atrasos que acumula a readxudicación dalgunhas das concesións máis importantes do Concello, como o servizo de limpeza ou recollida de lixo ou a xestión do ciclo da auga. Ademais, a edil laméntase da proliferación dos contratos menores nalgunhas áreas municipais como cultura ou desenvolvemento sostible, onde explica que se suceden as adxudicacións que rozan o límite de 18.000 euros para que deixen de ser considerados contratos menores. Neste sentido, Louzao recorda que os grupos de oposición seguen tendo trabas por parte do goberno local para acceder á documentación dese tipo de contratos, xa que non se publican na web municipal como antes, polo que esixe á alcaldesa máis transparencia. "Non se poden controlar as propostas de gasto porque se oculta a información, polo que tivemos que instar á Valedora do Pobo a que actúe para que se cumpra a Lei de Transparencia non Concello", indica.

Olga Louzao tamén considera necesario un maior control das retribucións por produtividade que se autorizan no Concello e explica que o propio interventor expón no seu informe o "exame de expedientes de gratificacións por servizos extraordinarios e productividade, co fin de verificar a súa adecuación á normativa aplicable, o cumprimento do límites globais da súa contía, así como a efectiva realización dos servizos retribuídos".

Finalmente, indica que o interventor tamén expón o control das subvencións publicas, en especial as do plan Reanima.

Comentarios