Cs só ve "cambios estéticos" no novo goberno de Lugo

Olga Louzao opina que o PSdeG "segue mantendo áreas fundamentais para o funcionamento do Concello"

Olga Louzao. SEBAS SENANDE
photo_camera Olga Louzao. SEBAS SENANDE

A candidata á Alcaldía e portavoz en funcións de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, só aprecia "cambios estéticos" no novo goberno bipartito da cidade, anunciado este xoves por socialistas e nacionalistas logo de selar un pacto, dado que o PSdeG, liderado por Lara Méndez, "segue mantendo áreas fundamentais para o funcionamento do Concello".

En declaracións aos medios de comunicación, Olga Louzao lamentou que o Partido Socialista conserve a dirección de áreas de goberno como "Economía, Urbanismo ou Persoal", dado que "non funcionaron nos últimos catro anos".

Nese sentido, a portavoz de Cs bota de menos a un "Bloque valente e responsable" que, logo de criticar durante catro anos" ao goberno local, "asumise" a dirección política dalgunha desas tres "áreas crave".

Tamén criticou que o primeiro que anunciasen socialistas e nacionalistas fose, precisamente, "a repartición de cargos" entre ambos os partidos, porque de momento descoñécese "o programa de goberno conxunto" para os próximos catro anos.

Pola súa banda, Louzao comprometeuse a exercer neste mandato unha "oposición valente e construtiva", con apoio a todos aqueles proxectos e iniciativas que sexan "bos para Lugo". 
 

Comentarios