Cs, receita para non claudicar

O vento non semella que sopre a favor do partido de Olga Louzao, optimista irredenta, pero a política é imprevisible, como proba a actual guerra interna do PP
Olga Louzao, con candidatos de Cs facendo a parodia dunha inauguración na campaña electoral de 2019. AEP
photo_camera Olga Louzao, con candidatos de Cs facendo a parodia dunha inauguración na campaña electoral de 2019. AEP

Hai a quen nada lle torce o xesto. Ou quen ten pouco menos que superpoderes para disimular o imposible cando veñen mal dadas. Catro días despois da desfeita da formación nas eleccións de Castela e León, a voceira de Cs en Lugo e principal rostro do partido na provincia, Olga Louzao (Lugo, 1979), amosa optimismo. Cs pasou de doce a un deputado, pero uns días antes as enquisas dábanlle cero. O partido vai seguir tendo presenza na institución. Podía ser peor, di. Non se consola quen non quere.

Olga Louzao, estratega ou optimista nata

Sexa optimismo nato ou sexa estratexia, ningún dos atributos parecen malos para estar en política e calquera, ou os dous, poderían explicar como é a líder de Cs en Lugo. Para desespero dos seus pais, Louzao era das que, cando estudaba a carreira (e antes), se apuntaba primeiro a unha actividade e logo a outra, sentía que o tempo lle sobraba e sistematicamente deixaba a materia que menos lle gustaba para setembro. Pero ao final sempre resolvía, así que os reproches non tiñan lugar. Resulta curiosa esa tendencia á dispersión da Louzao máis nova porque hoxe aparenta ser unha política traballadora e concienzuda, que le informes, prepara propostas e intervencións -hai quen lle chama wikipedia, polas longas exposicións de motivos das mocións que leva a pleno- e vai ata o fondo nas denuncias e na fiscalización do traballo do goberno. Por negro que pinte o panorama, semella que atopou o seu lugar, porque, aínda que a súa vida laboral foi por outro lado, non hai que esquecer que Louzao estudou Ciencias Políticas, esa carreira que acubilla mozos que anceian ser políticos e que deu en fornecer analistas coma churros.

Lugo, a excepción: un partido reducido pero cohesionado

Cs en Lugo non só é Louzao, pero a súa perseveranza e optimismo poida que teñan que ver con que o proxecto do partido laranxa resista na cidade mellor ca noutros lugares. Sen ir máis lonxe, no ámbito autonómico a formación nunca chegou a consolidarse. A nota dominante na historia de Cs en Galicia foron as desavinzas, con dimisións e renuncias ás siglas unhas veces -a propia Louzao ten deixado responsabilidades nese ámbito- e expulsións outras, Pola contra, en Lugo formouse un equipo de militantes e de simpatizantes non moi groso (uns cen agora), pero que se mantén bastante cohesionado, polo que seguramente Cs non teña dificultade en facer unha candidatura para 2023. Porque, se non é estratexia nin disfrace, a líder de Cs asegura que a formación competirá por terceira vez pola alcaldía.

 

Poucas dúbidas sobre a cabeza de cartel para 2023

Non parece que haxa dúbidas sobre quen encabezará o cartel de Cs porque Louzao é unha figura consolidada e que non xera conflito entre os seus. Elixiu Cs para entrar en política en 2015, cando o partido estaba na cresta da ola e tiña que poñerlle filtro ás solicitudes de afiliación, cansa, dicía entón, da deriva política e social. A deriva, alomenos a política, non foi a menos, e iso é unha motivación para ela e para Cs, que insiste en mostrarse como unha alternativa de centro, útil para os cidadáns e alonxada dos extremismos no fondo e nas formas. Ela tamén puxo algunha denuncia na Policía Nacional por insultos, pero non o divulgou, di.

Como o seu compañeiro de corporación, Louzao di que non está en política para vivir dela, como demostra, asegura, o feito de que comparten o único salario do Concello que ten o grupo -á marxe do dun asesor- e que o compatibilizan coas súas profesións.

Non se discute o liderado da voceira, pero a incorporación que o partido fixo ao Concello en 2019, o avogado Juan Vidal-Pardo, tamén daría o perfil. Quizais por personalidade, quizais por oficio, este adoita ser menos vehemente nas súas intervencións, a miúdo cheas de sentido, e ten fair play co goberno e co resto da oposición, a do PP. Chama a atención porque, pode que sen intención senón máis ben froito das personalidades de cada un deles, o reparto de papeis é o contrario do habitual: Louzao, a voceira, semella a policía mala e Vidal-Pardo, o bo.

O concelleiro aparenta ser un deses xenros que anceian algunhas familias e ao que seguramente adoptaría con gusto un partido como o PP, pero el pecha portas. Di que antes de cambiar de siglas marcharía para a casa e, nun momento dado, canso do ruxerruxe, enviou un audio de whatsapp aos compañeiros de partido facendo xuramento de fidelidade eterna.

Poucas opcións dunha Opa do PP e menos tras a guerra interna

Se non había moitas opcións de que a Opa do PP a Cs, extendida por todo o país, prosperara en Lugo, non parece que vaian ser máis tras a guerra interna que se desatou esta semana nas filas populares a nivel nacional.

A xente de Cs en Lugo non é moita, pero a que hai está moi convencida, asegura Louzao, que di que ela mesma non se ve en ningún outro partido, a non ser como cabeza de cartel, bromea. Parece sinceira cando repudia comportamentos doutras formacións, ou da súa mesma, como a corrupción, a búsqueda do poder por riba de todo ou o cuestionamento de dereitos como a igualdade, pero quedan dúbidas de ata que punto o seu gusto pola política a levaría a aceptar unha oferta doutro partido neses termos, no (utópico) caso de que esta chegase a darse.

O partido confía en convencer a quen en 2019 quedou na casa

Se é temerario aventurarse sobre o que pode facer calquera militante ou simpatizante de Cs se outro partido o tenta, aínda máis difícil é saber como responderá o electorado. En 2019, o 38,55% dos votantes do municipio de Lugo abstivéronse, a pesar de que tiñan doce opcións políticas, e Louzao agárrase a esa elevada porcentaxe de xente que quedou na casa para confiar nos resultados de 2023.

Cs tanto defende o programa de captación de capital Lugo Transforma como a remunicipalización dalgúns servizos

A falta de demoscopia, as quinielas dánlle un edil a Cs, pero sen saber que oferta electoral haberá, como chegará a ese momento cada partido, con algúns en claro crecemento, como Vox, e como respirará a rúa, é falar por falar.

Que ofrece Cs na cidade de Lugo e que ten en contra?

Cs insiste en facerse ver como un partido útil, pero, por moito que agora aprobara a reforma laboral, para moitos votantes non o foi cando Albert Rivera rexeitou pactar con Pedro Sánchez, e esa confianza perdida é difícil de recuperar. Acontecementos posteriores, como a frustrada moción de censura de Murcia, tamén penalizaron o partido, en opinión dos seus membros en exceso, que non entenden que os cidadáns castiguen máis iso que o transfuguismo que promoveu o PP.

Polo demais, Cs é un partido liberal no económico, pero á vez que se mostra fan do programa de captación de investimento privado Lugo Transforma -unha proposta de Cs que adoptou a alcaldesa, presume Louzao- defende a xestión pública dalgúns servizos, como a Ora, e bótalle en cara ao BNG que se esquecese de cando na oposición reclamaba a remunicipalización do servizo de grúa municipal, por exemplo.

O goberno leva uns meses aceptando moitas das mocións de Cs no pleno, quizais porque sería difícil xustificar non facelo. Outra cousa é que as execute. En 2015, Louzao estaba convencida de que non podía ser tan difícil mellorar algunhas cousas na cidade, pero a realidade demostroulle que si o é. Ser bisagra de goberno semella a unica opción de Cs para influír de verdade. E non parece fácil. Pero quen sabe. Ao final, Louzao sempre resolve.

Comentarios