miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Cs di que o Concello gastou 18.000 euros para asesorar a empresas e que ese servizo non se prestou

Olga Louzao. LAVANDEIRA JR
Olga Louzao. AEP
Varias candidatas confirmaron que non recibiron axuda e o goberno asegura que non recibiu queixas por este asunto e que o orzamento era para un plan máis global de captación de investimento

A portavoz de Cs, Olga Louzao, denunciou que o Concello pagou 17.942 euros á consultora madrileña PGS para que asesorase gratuitamente a pemes e autónomos de Lugo tras a pandemia e que este servizo non foi prestado, ou polo menos non nas condicións idóneas. Así o confirmaron a este xornal varias empresas das trece que se acolleron a esta iniciativa, denominada Plan Vive.

As firmas consultadas explicaron que recibiron un correo electrónico no que se lles pedía moita documentación. Algunha optou por non responder porque consideraba que non lle compensaba a recompilación e preparación desa información e, polo menos dúas remitírona pero non obtiveron contestación, segundo explicaron a ese xornal. Noutros casos non lles consta que o Concello ou a empresa contratada responderan á súa petición de asesoramento.

Louzao critica que o Concello contratase "a dedo" a unha empresa para prestar un servizo para o que teoricamente a administración local xa ten recursos, a través do CEI-Nodus. O Concello destinou un orzamento xusto no límite para non ter que sacar o contrato a concurso, remarca a portavoz de Cs, quen considera que a empresa adxudicataria non prestou o servizo adecuadamente.

PGS deu conta ao Concello do traballo realizado de outubro a decembro do ano pasado. Nese informe sinalaba que, a través do formulario creado, recibira oito contactos con necesidades reais atendidas e 19 consultas en xeral, "das cales once non precisaban de maior atención".

Preguntado sobre este asunto, o goberno local asegurou que non recibiu queixas de ningunha empresa por este servizo. Precisou, ademais, que o orzamento ao que alude Cs foi o de todo o proxecto Invest in Citiess, unha iniciativa para situar as cidades españolas para atraer investimentos. Incluía o Plan Vive, unha páxina web, a participación nun foro nacional e a organización dun local, aínda pendente de realizar.

Cs di que o Concello gastou 18.000 euros para asesorar a empresas e...
comentarios