Cs completa a súa lista ao Concello con xente "nova con prestixio profesional"

Sin nombre
photo_camera Carla Campo e Antonio Cortiñas. EP

Ciudadanos, que hai días presentou as persoas que ocupan os cinco primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais do 26 de maio, anunciou este mércores que completou a lista con xente "nova, con experiencia e prestixio profesional", segundo os define a alcaldable da formación laranxa, Olga Louzao.

Así, xunto á cabeza de lista e os catro seguintes integrantes -o avogado Juan Vidal-Pardo, a traballadora social Eloina Ingerto, o actual concelleiro Jesús Expósito e o letrado Jacobo Vázquez-, incorpóranse agora a avogada Carla Campo Dacal, como número seis; o arquitecto e urbanista Juan Carlos Pérez Cordero, de sete, Mari Paz Montes, propietaria dunha pescadería na praza de abastos, de oito; o funcionario da Consellería de Medio Rural José Antonio Álvarez Flores, de nove, e no posto dez, a veciña de Fontiñas Victoria García.

Forman tamén parte da candidatura de Ciudadanos Antonio Cortiñas, membro do colectivo xitano, de 23 anos e axente intercultural na Fundación Secretariado Xitano; a exmiss Lugo Araceli Fernández; a diplomada en Turismo Lorena Bello; a profesora de FP no Politécnico María Cristina Díaz; a empregada de banca Eva Burgué; o avogado experto en Dereito Internacional Gustavo Calles, ou o enxeñeiro de Minas José Ángel Gómez.

Pecha a candidatura municipal a cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo e actual xefe da Confederación Hidrográfica en Lugo, José Manuel Blanco.

ILUSIÓN. Olga Louzao asegura que a lista que presenta Cidadáns é "o equipo da ilusión e do futuro para Lugo". "É o mellor equipo de cantos se presentan na cidade. É unha candidatura feita con xente de Lugo, persoas formadas e preparadas para asumir o reto de gobernar esta cidade", engadiu a alcaldable de Cs. Ademais, explicou que a maioría dos integrantes da candidatura son "persoas independentes que nunca participaran en política e con prestixio profesional nos seus respectivos ámbitos, proba do carácter integrador e aberto do proxecto de Ciudadanos, que segue a sumar talento na cidade", apuntou.

A cabeza de lista destacou que os candidatos que presenta Cs son persoas de Lugo, que desenvolven a súa vida profesional e persoal na capital. "Ciudadanos xogará un papel relevante na cidade tralas vindeiras eleccións municipais", recalcou Louzao, polo que considera que a súa formación presenta unha lista "que está á altura do momento crucial no que está esta cidade e das responsabilidades que con total seguridade imos ter que asumir despois do 26 de maio", dixo.

Comentarios