Cs aviva o debate da protección da muralla e quérea libre de cans

Expósito recorda que a catedral tamén é Patrimonio Mundial e non entran os animais

O grupo municipal de Ciudadanos quixo avivar o debate sobre a protección da muralla na semana na que se conmemora o 18º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade e volve propor que se prohiba o acceso de cans ao adarve, de tal forma que só poidan acceder os cans-guía.

A medida, que xa fora exposta hai uns meses pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, trataría de evitar que o monumento se converta nun canil no que os donos acudan pasear as mascotas para que fagan nela as súas necesidades.

"Tampouco nos museos ou na catedral, que tamén é Patrimonio da Humanidade, se pode entrar con cans", comenta o edil de Cs Jesús Expósito para xustificar a proposta, quen recorda que na muralla non está permitida a colocación de papeleiras e a empresa encargada da limpeza da cidade recolle todos os días unha media de 3,5 quilogramos de feces de animais.

"É inconcibible esta situación nun monumento milenario que é Patrimonio da Humanidade", reafirma Expósito, que ademais de regular o acceso de cans á muralla, apela ao civismo cidadán, ao aumento da vixilancia e á aplicación do código sancionador previsto na normativa municipal como medidas para evitar os excrementos caninos nas rúas de Lugo. De feito, o edil recorda que a actual ordenanza municipal sobre protección e tenencia de animais do Concello de Lugo tipifica como "falta leve" que os donos non recollan as deposicións feitas polas súas mascotas na vía pública e prevé multas que van dos 60 aos 750 euros.

Así mesmo, Ciudadanos expón a creación de polo menos tres canís máis na cidade -agora hai tres- para dar unha alternativa aos donos das mascotas que acoden á muralla con elas.

A federación veciñal tamén se fixo eco en abril das cada vez máis numerosas queixas de cidadáns polas "molestias" que ocasionan os cans no monumento. "Entendemos perfectamente que o can é un animal de compañía, pero non podemos entender certos comportamentos incívicos que prexudican a todos os cidadáns", apuntaba este colectivo nun comunicado.

UN DEREITO. Con todo, outras asociacións como a de empresarios do centro Lugo Monumental móstranse contrarias a deixar libre de mascotas o adarve, porque, como asegura o seu presidente Luis Latorre, "subir á muralla non é un dereito do can, senón do seu propietario".

Latorre considera que o dono é o responsable do que faga o animal e, xa que logo, de recoller os excrementos. "É necesario que haxa máis vixilancia e multas duras, porque no momento no que haxa dúas ou tres sancións importantes acabarase con quen non respectan", di.

O presidente de Lugo Monumental cre que tamén se facilitaría o paseo dos cans pola muralla coa instalación de papeleiras nas que poder depositar as bolsas coas deposicións. "Pódense colocar nas reixas metálicas que hai por todo o adarve e, ademais, hai papeleiras noutros monumentos, así que discrepo con que sexa algo que afecte á imaxe da muralla", afirma.

Comentarios