Os críticos do Fluvial piden que cese a directiva e negociar coa CHMS

Sosteñen que hai que tomar medidas inmediatas para salvar o club da súa desaparición e reclaman revisar os contratos de obras asinados pola entidade nos últimos cinco anos
undefined
photo_camera Parte das instalacións afectadas polo dominio público hidráulico.

A denegación ao Club Fluvial da concesión para o uso dos terreos contiguos ao río reactivou o movemento crítico coa directiva e unha plataforma xerada a través das redes sociais e na que hai 600 membros emitiu un comunicado no que reclama a dimisión inmediata da directiva e o nomeamento dunha xunta xestora que retome as relacións coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS) "para tratar de reconducir a solicitude de renovación para legalización o uso da zona afectada e salvar ao club da súa desaparición".

O colectivo crítico reivindica, así mesmo, poñer en marcha un proceso para revisar todos os contratos de obras dos últimos cinco anos e realizar unha auditoría forense externa para coñecer a realidade da situación e movementos económicos.

Din que ese proceso de renovación, que debe dar lugar á convocatoria de eleccións para designar a unha nova directiva, é necesario ante os serios desafíos da entidade, que segundo ese colectivo de críticos ten unha débeda de 1.928.581,54 euros, ademais de ter que afrontar a sanción de 50.000 euros da Confederación pola obra na zona do aparcadoiro de piragüismo do club.

Temen que as sancións ao club vanse a ir repetindo, pois quedan por resolver outros dous expedientes abertos por ese aparcadoiro, iniciados polo Concello e Patrimonio da Xunta.

Dan, así, por feito, que haberá máis sancións e respecto diso remarcan que Patrimonio da Xunta establecera condicións moi claras para o aparcadoiro, xa que advertía que había que deixar unha franxa verde á beira do muro e que só se podía cubrir con aglomerado o espazo que xa estaba previamente asfaltado.

O colectivo crítico dá por feito que haberá máis sancións

Nesa zona, advirten, converxen as normas de protección ao río coas de preservación do Camiño Primitivo, razón pola que Patrimonio era moi estrito coas súas condicións para a obra.

Ao final, ao custo das sancións que poidan seguir chegando haberá que sumar os gastos que haberá que asumir para repor a legalidade no aparcadoiro, aseguran os críticos.

Pero, con todo, o desafío máis grave é o feito de non conseguir a renovación dos permisos da Confederación para o uso dos terreos situados en zona de dominio público hidráulico, recordan.

Nese sentido, remarcan que é o terceiro fracaso, xa que en 2019 non se logrou a renovación da concesión e entenden que iso supón que hai instalacións do club que están sen licenza.

Sosteñen que o concurso de 2019 quedou deserto despois de que o club non respondese os requirimentos da Confederación Hidrográfica e recordan que tampouco se logrou a concesión nos dous concursos posteriores. Algo debido, segundo informou a Confederación Hidrográfica, a que non se presentaron proxectos que garantisen medidas para respectar os cinco metros de dominio público hidráulico.

O problema para cumprir cos dereitos de paso por eses terreos de dominio público estaría na localización dalgunhas infraestruturas, algunhas moi antigas, como a piscina infantil que está sobre o río.

Os críticos apuntan que defender o feito de que os terreos son propiedade do club, como fai a directiva actual, non abonda para asegurar a renovación da concesión, sen a cal cren que estaría en perigo o propio club.

A importancia da sociedade polo peso que ten en Lugo tampouco chega, din, para lograr os permisos da Hidrográfica.

Readmisión dos socios expulsados 
Da plataforma forman parte socios que foron expulsados, non sen polémica, polas súas críticas á directiva, como Julio Méndez Menéndez del Llano. Este pon voz ao movemento que pide agora a marcha da directiva tras a complicada situación xerada pola decisión da Hidrografica de non renovar a concesión ao Fluvial. 

O colectivo sostén que foron expulsados "simplemente por criticar unha xestión que os feitos demostraron que era máis que criticable".

Denuncias 
Sosteñen que no seu día se anunciaron denuncias contra os expulsados. Ao final formulouse unha e foi arquivada, aseguran.

Comentarios