Cristina Pérez, única candidata a liderar a lista de Lugonovo

Ao ser a da actual portavoz do grupo municipal a única candidatura, a votación do 26 converterase nun referendo

Cristina Pérez Herraiz, candidata de Lugonovo. SEBAS SENANDE
photo_camera Cristina Pérez Herraiz, candidata de Lugonovo. SEBAS SENANDE

Cristina Pérez Herraiz, actual portavoz do grupo municipal, será a única candidata para liderar a lista de Lugonovo nas próximas eleccións municipais, co obxectivo de revalidar ou mellorar a actual representación da plataforma na corporación de Lugo, onde ten na actualidade tres concelleiros.

Ao haber unha única candidatura na primeira fase das primarias, a votación converterase nun referendo para as 307 persoas inscritas na plataforma, con tres posibilidades para pronunciarse nas urnas: a favor, en contra ou en branco. A votación desenvolverase ao longo do mércores, día 26 de setembro.

Cristina Pérez, que se fixo cargo da portavocía do grupo municipal despois da dimisión de Santiago Fernández Rocha –cabeza de lista nas anteriores eleccións locais–, leva tres anos exercendo esa responsabilidade.

Ao seu xuízo, é necesario que Lugonovo, na actualidade a terceira forza política de corporación municipal –logo de Partido Popular e PSdeG, por esa orde– , siga “canalizando a voz da cidadanía descontenta co actual estado da cidade”, porque “é posible e tamén necesario” gozar dun “Lugo máis accesible, máis sostible e onde sexa máis fácil vivir e convivir”.

Comentarios