Cristina López Fernández: "Nunca vendín a moto, nin a vou vender agora. Hai que ser honesta"

Fala coa mesma rapidez coa que proxecta facer cousas. Os seus vinteseis anos como vendedora de electrodomésticos en Carrefour deixáronlle un pouso de atención ao cliente que agora pretende trasladar ao Concello co BNG. A súa ferramenta será a empatía
Cristina López Fernández. AÍDA SOENGAS
photo_camera Cristina López Fernández. AÍDA SOENGAS

POUCA PAUSA semella haber na vida da nova concelleira de Participación e Servizos para a Cidadanía, Cristina López Fernández, que enfrenta unha área cunha denominación discreta pero con moitas competencias na que pretende atender as queixas dos cidadáns coa mesma resolución forxada nos vinteseis anos de atención aos seus clientes en Carrefour.

Que competencias ten a concellería de Participación e Servizos?

Ocupámonos de moitas áreas: do taboleiro de publicacións, do Rexistro, da sección de Estatística, de Atención Cidadá, dos mercados e a praza de abastos, do cemiterio, da sanidade, da tarxeta cidadá e das reclamacións e suxerencias.

Algunha vez presentou vostede algunha queixa no Concello?

Non, non tiven necesidade.

Se a tivese, optaría por enviar un papel? Parécelle resolutivo?

Non sei se o sería antes pero, a partir de agora, si será resolutiva. Se os cidadáns perden parte do seu tempo en plasmar un problema por escrito, débese tratar de solucionarlles o problema. Despois, haberá que ver se a solución é fácil ou non, pero hai que atendela.

Dependerá tamén do persoal e os medios que haxa...

Si, agora mesmo non temos no Concello todo o persoal para dar un servizo ao cen por cento pero hai moi bos profesionais, moi implicados. Se non fose así, sería imposible que se fosen facendo as cousas. Fan miragres! O Concello funciona sen políticos. Realmente, a nosa parte é só colaborativa.

Tiña clientes que, sen consultar comigo, non se decidían a comprar nada. Iso era polo vínculo de confianza que se creaba 

Esa empatía cos traballadores pode deberse á súa experiencia persoal como dependenta en Carrefour, sindicalista e, finalmente, graduada en Relacións Laborais?

Empecei a traballar aos 19 anos, en 1993, cando Carrefour aínda era Continente e, desde aquela, só estiven dous ou tres meses no paro. Alí vendín electrodomésticos e tamén fun promotora de móbiles de Movistar. O traballo comezou a absorberme e non me propuxen estudar. Co tempo, decidín facer o grao como un reto persoal, que me costou moito conseguir ao ter que compatibilizar os estudios coa xornada completa e a turnos. Tamén fun sindicalista da CIG e quizais iso me levou á política porque as problemáticas laborais lévante a facer un exame de responsabilidade á hora de axudar á xente.

Ten tanta utilidade a política?

Moita. É un altofalante. Coa política podes axudar a outros.

Absórbea moito a concellería?

Teño menos tempo a nivel persoal. Antes, tiña unha vida máis organizada malia os turnos. Agora estás dispoñible as vintecatro horas e os domingos e dependes dunha axenda que che marcan. Pero tamén cando estaba en Carrefour me chamaban os clientes os domingos ao móbil para asesoralos na compra dalgún electrodoméstico ou chamarlles ao servizo técnico. Tiña clientes que, sen falar comigo, non se decidían a comprar nada. Iso era polo vínculo de confianza que se creaba.

Dáballe o seu número de móbil aos clientes de Carrefour?

Si, moitos deles eran clientes meus e a min non me costaba nada chamarlles ao servizo técnico se eles, se cadra, non podían polo traballo.

Vendeu a moto algunha vez?

Nin a vendín nunca en Carrefour, nin a vou vender agora. O político debe ser realista. Se algo non se pode facer, non se debe dicir. As mentiras teñen as patas moi curtas. É importante ir coa verdade sempre, ser honesta.

Fíxose vendedora por casualidade ou vocación?

Sempre me gustou o trato coa xente pero non tiña claro o oficio. Si que formei parte, de pequena, do primeiro Consello Escolar que houbo no colexio da Ponte, a onde iba eu, que vivía na Cheda.

Tiña madeira de líder. Non sería tamén a delegada da clase?

Si, [risas]. Sempre fun a delegada da clase. Era algo líder, si.

Que proxectos pensa liderar agora, no Concello?

Sacaremos a concurso postos na praza e no mercado e faremos un concerto co parking subterráneo para ofrecer descontos ou aparcamento gratis á xente que vaia comprar. Temos pensado tamén cambiar o chan e os baños do sótano da praza. Potenciaremos o mercado de produtos tradicionais porque Lugo non deixa de ser unha aldea grande e aos clientes gústalles atoparse coas súas orixes e con eses produtores que acoden a vender os produtos da súa horta como o Señor Avelino, O Rancheiro, da Cheda, que faleceu con 103 anos hai uns días e foi toda a vida ao mercado a vender o que el colleitaba. Ademais, tamén queremos facer mercados como o de Frigsa no sótano da Praza os sábados e en distintos barrios.

En canto ao cemiterio, que ronda pola súa cabeza?

De setembro a decembro faremos actuacións de teatro e visitas guiadas. Tamén pensamos ampliar o camposanto.

Comentarios