O crecente sector biotech factura na provincia 32 millóns e xera 200 empregos

As empresas consideran que a pandemia contribuíu a que a sociedade se decate da importancia que ten a innovación
Un laboratorio lucense. AEP
photo_camera Un laboratorio lucense. AEP

A pandemia propiciou que as miradas vírense cara á biotecnoloxía. Este sector revitalizouse aínda máis se cabe coa crise sanitaria. Na provincia de Lugo facturou o ano pasado uns 32 millóns de euros e xerou uns 200 postos de traballo de alta cualificación, segundo os datos facilitados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga).

Ese constante crecemento prodúcese nunha comunidade, Galicia, que é o segundo polo biotecnológico máis emprendedor de España, tras Cataluña, segundo destaca o último informe da Asociación Española de Bioempresas (AseBio). A biotecnoloxía galega está conformada por 111 empresas, cuxo volume de negocio ascendeu en 2019 a 405 millóns de euros e deu emprego a unhas 1.800 persoas.

E a nivel estatal, España é a novena potencia do mundo en produción científica en biotecnoloxía, que achega un 0,7% ao Produto Interior Bruto (PIB) e xera uns 217.000 empregos.

BENJAMINA. O sector avanza, segundo indica Bioga, a un ritmo do 10% anual en facturación, emprego e creación de empresas. Unha das últimas en subirse ao carro na provincia de Lugo foi Innogando, constituída este ano, con sede en Arneiro (Cospeito), por catro socios —dous veterinarios, un electrónico e un enxeñeiro informático—.

Severiano Ónega: "Produciuse unha hiperactividade e unha hiperdemanda para dar solución aos puntos críticos da pandemia"

Ofrece tecnoloxías para que os produtores poidan mellorar a rendibilidade das súas explotacións e a calidade de vida tanto das reses como súa. Así bota man da intelixencia artificial para detectar estados fisiológicos (partos, celos…) ou enfermidades antes de que aparezan estas. é un caso de que a biotecnoloxía é clave para modernizar sectores tan tradicionais como a gandería.

O cofundador desta firma chairega, Elio López, destaca a aposta "intelixente" que está a facer a Xunta pola innovación e a tecnoloxía e o labor que presta Bioga de axuda e de dar "visibilidade ás empresas, incluso fose de Galicia". Considera que este sector ten "certas facilidades e máis axudas" que os tradicionais que non innovan.

Este emprendedor, que cre que o camiño a seguir é ofrecer "produtos novos e con vantaxes competitivas", sostén que coa pandemia "está a verse máis a necesidade da innovación e que grazas ao sector biotecnológico saen produtos novos que axudan á sociedade".

Desde o sector considérase que o impulso da ciencia e a innovación é estratéxico para facer fronte a calquera outra situación adversa, económica, sanitaria ou ambiental.

Afonso Alba: "é un sector que require investimentos potentes, o que provoca que se estea concentrando en grupos"

PIONEIRA. Se Innogando é unha das últimas empresas lucenses en chegar ao sector, o Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM) foi a avanzada fai case un cuarto de século. Bioga recorda que foi o primeiro laboratorio privado de xenética de España. Un dos seus fundadores, Afonso Alba, afirma que como "requírense investimentos potentes" está a producirse "unha concentración" no sector. Consorcios médicos e fondos de investimento están a adquirir laboratorios. O seu, asentado no parque empresarial das Gándaras de Lugo, é un exemplo. Hai tres meses adquiríao a multinacional española Atrys Health, considerada o maior operador de telemedicina de fala hispana.

Afonso Alba, que ve nesta integración unha opción para que ICM siga crecendo, pois ademais entrou como accionista na multinacional, asegura que a pandemia "abriu os ollos da importancia que é ter recursos en sanidade".

MÁS SERVIZOS. Pero non só as empresas de biomedicina aumentaron a súa carga de traballo este ano. Tamén lle sucedeu ás dedicadas á xestión e tratamento de residuos da industria agroalimentaria e de augas. é o caso de Agroamb. O seu director executivo, Severiano Ónega, sinala que esta firma de Castro de Rei que acaba de cumprir 20 anos, experimentou "unha hiperactividade e unha hiperdemanda para dar solución e controlar os puntos críticos da pandemia".

Severiano Ónega considera que os fondos de reestruturación da Unión Europea "abren portas, posibilidades e expectativas" ás empresas do sector.

Afonso Alba ve "oportunismo comercial" ante un negocio "suculento"

O cofundador do Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM), Afonso Alba, explica que unha vintena de laboratorios españois solicitou ás autoridades sanitarias que tomen cartas no asunto porque advirten de que hai firmas no sector que "sen acreditación" están a ofrecer probas de diagnóstico do covid-19.

"Están a ofertarse técnicas a prezos ridículos porque están a utilizarse tecnoloxías que non están acreditadas nin validadas", precisa este empresario.

Afonso Alba atribúe o que cualifica como "oportunismo comercial" a que esas empresas que realizan o test ven na pandemia un negocio "suculento".

Considera que as iniciativas que están a xurdir "teñen que pasar o filtro das autoridades sanitarias" para que se garanta unha política de calidade.