O Craega recollerá o premio Aresa o próximo 29 de marzo

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia recibirá o galardón por contribuír ao desenvolvemento do medio rural e do sector primario na comunidade

Cartel de Craega. EP
photo_camera Cartel de Craega. EP

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) recibirá o próximo 29 de marzo o premio Aresa, que convoca a empresa do mesmo nome e a Universidade de Santiago de Compostela, para distinguir traxectorias persoais ou empresariais que contribuíron ao desenvolvemento do medio rural e do sector primario en Galicia.

Estaba previsto que a entrega oficial do premio Aresa se celebrara o pasado 8 de mazo, pero a organización tomou a decisión de atrasalo ata o día 29, para evitar que a cerimonia coincidise cos actos para celebrar o Día Internacional da Muller.

O acto celebrarase na Facultade de Veterinaria e no transcurso da cerimonia o presidente do Craega, Francisco López Valladares, recollerá o premio que "recoñece a traxectoria dunha entidade que converteu un modo de produción agraria e gandeira en motor de desenvolvemento rural".

Durante o acto, o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, impartirá unha conferencia sobre A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible. A cerimonia terminará cunha degustación de produtos ecolóxicos.