Cos pés en Lugo e a cabeza en Ucraína

Fuxiron da guerra para salvar o máis valioso que teñen, os seus fillos. Fixeron a maleta ás présas e quedoulles aló medio corazón.
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Tetiana, á dereita, cos seis nenos que trouxo desde Ucraína. AEP

O 24 de febreiro cambiou a súa vida e non foi para ben. A invasión de Ucraína por parte de Rusia deixounos sen fogar. Pode que a súa casa siga en pé, algúns nin o saben, pero o fogar, ese lugar onde te sentes protexido, a gusto e en calma, xa non existe.

Saíron de Ucraína para salvar a vida. Son mulleres porque os homes non poden escapar. Eles teñen que quedar para ir á guerra, aínda que non queiran. Se saen do país saben que non poderán volver e iso é o que todos os refuxiados desexan, regresar cando se sintan a salvo. Non marcharon por vontade propia nin a facer as américas, deixaron as súas casas por medo a morrer ou, o que é peor, a que lles matasen os fillos, xa fose cunha bomba ou de fame.

Desde ese 24 de febreiro pediron refuxio en Lugo máis de 200 ucraínos, a maioría, nais con nenos e avoas. Algúns só viñan de paso cara os seus destinos de acollida e na actualidade son menos os que residen na provincia. Uns tiñan familiares aquí, outros están en casas de xente solidaria e moitos reciben axuda de organizacións como Accem, que ten nestes momentos 60 ucraínos nos seus programas, ou Cruz Vermella, que ten 43 ao seu cargo.

Europa abriulles as portas aos ucraínos nun xesto de solidariedade sen precedentes noutros conflitos. Tras un tempo para tomar contacto con Lugo, para poñer literalmente os pés na terra, os refuxiados están en disposición de valorar a situación.

A guerra está durando máis do que esperaban e mingua o ánimo. Todos ansían regresar, confiaban en facelo axiña e cústalles asumir que tardarán. A idea non lles gusta. Séntense ben acollidos en Lugo, pero non é a súa casa. Deben asimilar que polo menos vai ser o seu lugar de residencia un tempo. Iso doe.

Viñéronse para manter os corpos a salvo, pero o pensamento quedoulles aló. Están preocupados por cada bombardeo, polos seus que non puideron escapar, polo que atoparán cando regresen e polo futuro incerto que lles agarda aos seus fillos. Demasiadas sombras que impiden ver a luz ao final do túnel que teñen que cruzar cara unha nova vida lonxe da casa.

SEIS NENOS E UNHA NAI. Tetiana chegou a Ribadeo hai un mes e pico con seis nenos, despois de atravesar Europa como puido. A súa parella quedou en Ucraína para ir á guerra e ela fuxiu cos rapaces, de 2, 3, 4, 10, 11 e 14 anos. Vivían en Schors, a 40 quilómetros de Rusia e a outros tantos de Bielorrusia, un lugar humilde en condicións normais e inhabitable na actualidade. Quedar non era opción, pero marchar con seis pequenos foi unha heroicidade.

A clave da aventura é Nadia, a filla de Tetiana de 11 anos. Cando tiña sete empezou a vir a Ribadeo para pasar as vacacións de verán e Nadal con Pilar e Valentín. "Un día chamou chorando, dicindo que tiñan que saír de alí. Que ía facer eu se me chama a nena? Ou morrían de fame ou nun bombardeo", lembra Pilar. Comentouno co seu home, Valentín, e a resposta foi inmediata: "Casa temos e o resto xa se irá amañando. Que veñan todos".

Esa determinación foi o empurrón que necesitaba Tetiana para virse co posto e con seis nenos ao seu cargo. En Ribadeo xa a esperaba outra filla de 13 anos, que tamén participa no programa de vacacións e que este curso decidiu pasar o inverno coa súa familia de acollida para estudar.

Tetiana cruzou Europa con seis nenos e están acollidos por unha familia en Ribadeo

Tetiana chegou a Kiev polos seus propios medios e desde alí tivo axuda dunha ONG para saír do país cara un campo de refuxiados en Polonia. Despois viaxaron ata Francia e de aí a Madrid. A odisea rematou en Ribadeo, onde esperan asentarse ata que sexa seguro voltar a Ucraína.

A intención de Tetiana é regresar ao seu pais, pero sabe que vai tardar en facelo. Ademais da súa parella, ten dous irmáns na guerra (un deles sabe que foi ferido), e unha irmá. O seu home chámaa cando pode para dar sinais de vida, pero as noticias que conta non son boas. 

A moza, con só 31 anos, tivo a determinación necesaria para alonxar os seus fillos da guerra e agora deberá librar outra batalla para sacalos adiante nun país do que non coñece nin o idioma.

O seu home e dous irmáns están combatindo e sabe que un deles resultou ferido

 

Tres dos fillos de Tetiana participaban no programa de vacacións. Dúas das nenas tiñan as súas casas de acollida en Ribadeo e o irmán maior, de 14 anos, en Mallorca. Son os que lle axudan a entenderse. Ela está intentando aprender español para poder buscar traballo. 

Os nenos pequenos dificultan a conciliación. "O de dous anos é unha prolongación da nai, ten moito medo", pero é lóxico porque xa leva vivido máis perigos do que calquera adulto en condicións normais ao longo de toda unha vida. Pilar explica que "ata agora non puido, non lle deu tempo, pero tal vez un pouco máis adiante Tetiana poida traballar. Nós ímoslle axudar no que faga falta".

Tetiana "é moi disposta. Quere plantar unha horta e xa lle aramos un pedazo de terra para que empece", explica a anfitrioa. Todo vén ben para dar de comer a unha familia tan grande. 

A asociación de comerciantes Acisa acaba de entregarlles 1.642 euros recadados entre os veciños de Ribadeo. O Concello e moitos amigos axudaron tamén, pero o apoio fundamental son Pilar e Valentín, que se desviven por eles. Tiñan unha filla xa criada e independizada, vivían tranquilos e, de repente, a súa casa encheuse de xente. Acóllenos con gusto, saben que é necesario. Para referirse a Nadia din "a nosa nena". Se deles depende, non verá outro bombardeo.

Generated by  IJG JPEG Library
Olena, de costas, con Raquel Fernández e Vanesa Castro. CRUZ VERMELLA

OLENA E ANASTASIA. Da choiva de bombas tamén fuxiron Olena coas súas tres fillas, de 11, 15 e 17 anos, e a súa irmá Anastasia, con outros tres rapaces de 11, 13 e 16 anos. Os oito viven agora en Lugo, acollidos por Cruz Vermella. A sombra da temporalidade aínda lastra os seus movementos, pero van asimilando que a estancia en Lugo vai ser longa.

O traductor de Google non chega para expresar o agradecemento que quere transmitir Olena. Faino en ucraíno, en español e ata con xestos para que non quede ningunha dúbida da súa gratitude.

Ten sentimentos encontrados. Bota de menos Ucraína, deixou familia aló, pero valora moito a sensación de seguridade que sente en Lugo. "Estraño o meu país, pero non podo nin imaxinar como estará a miña casa en Dnipro. Aquí síntome segura coas miñas fillas", afirma.

Olena e a súa irmá Anastasia fuxiron con seis nenos desde Dnipro e viven en Lugo

A máis pequena ten un problema grave de saúde e foi operada en Ucraína antes do comezo da guerra. Á súa chegada a Lugo, os médicos avaliaron a situación e axustaron o tratamento. "A sanidade ucraína é precaria e a nena non estaba recibindo o tratamento máis axeitado para a súa recuperación. Gústame como a están tratando os médicos aquí, están moi pendentes e a través de Cruz Vermella recibo a medicación que necesita", explica a nai. A evolución da pequena tamén será decisiva para o seu regreso a Ucraína.

De momento, os fillos de Olena e da súa irmá Anastasia non van á escola. "Chegaron hai pouco, presentan cadros de ansiedade importantes e as nais preferiron non escolarizalos neste curso. Seguen on line os estudos que realizaban en Ucrania", explica Vanesa Castro, traballadora de Cruz Vermella que, xunto con Raquel Fernández, se encarga da súa acollida.

Olena di que están contentos en Lugo. Todo o contentos que se pode estar cando estás esperando a que a guerra que asola o teu país remate para ver se aínda tes casa, familia e algunha posibilidade de retomar unha vida digna.

Olena busca traballo de costureira e equipo de fútbol para dous dos seus sobriños

 

Introduce a palabra grazas en todas as frases que compón para o tradutor virtual que nos axuda a entendernos. De momento, o aparello é necesario, aínda que Olena está estudando español e esfórzase por avanzar. Quere atopar traballo.

"O meu marido tiña en Ucrania unha fábrica de bolsos e artigos de coiro. Eu traballaba con el", explica. Olena sabe coser e gustaríalle desempeñar ese oficio en Lugo. "Xa comprei fío e agullas", confesa esperanzada.

Non quere ser unha carga, necesita sentirse útil. Parece unha muller resolta. Cando lle pregunto se me quere contar algo aproveita para lanzar a mensaxe que traía preparada: "Os fillos da miña irmá Anastasia, de 11 e 16 anos, xogaban ao fútbol profesional en Ucraína e gustaríalles facelo aquí, que algún club lles dea unha oportunidade. Eles son rapaces comprometidos, fan deporte todos os días para manterse en forma e non están acostumados a estar parados". Queda feito o chamamento para os equipos de fútbol lucenses. Despois de cruzar un país en guerra o máis difícil non pode ser atopar con quen xogar ao fútbol en Lugo.

A frialdade do tradutor non logra ocultar os sentimentos desta muller. Marchou de Ucraína para poñer a salvo as súas fillas e non se arrepinte. Soña con facer o camiño de volta, pero con prudencia, xa correu riscos abondos.

Ata que se dean esas condicións de seguridade para que os refuxiados ucraínos poidan regresar ao seu país, organizacións como Accem e Cruz Vermella teñen moito traballo por diante para cubrir as súas necesidades básicas e facilitarlles a integración, tanto social como laboral.

ATENCIÓN PSICOLÓXICA. Daniel Bóveda é o responsable de Accem en Galicia. Esta organización dá servizo en Lugo a 60 refuxiados ucraínos. Con eles están constatando que "a situación é preocupante". Explica que o conflito se está prolongando máis do previsto "e iso vai ter consecuencias nas persoas. Temos que reforzar a atención psicolóxica porque tiñan a moral máis alta ao principio. Non queren quedar. Saíron á forza do seu país, eles non querían marchar".

Nun primeiro momento, a prioridade foi atender as necesidades básicas de aloxamento, manutención e atención sanitaria. "Despois hai que ver que precisa cada un. Tamén se traballa para superar a barreira idiomática para facilitar a inserción laboral".

A prolongación do conflito está minando a moral dos refuxiados

A regularización dos refuxiados ucraínos é especialmente rápida. "Contamos con mecanismos novos, como unha directiva europea, que dan axilidade xurídica á hora de buscar seguridade na integración destas persoas na comunidade. A aprobación desta protección temporal foi moi rápida. Os refuxiados procedentes de Ucraína están en situación regular en cuestión de semanas ou días, os trámites son moi áxiles e permiten que teñan permiso de traballo practicamente desde o primeiro día", explica Daniel Bóveda. 

Valora moito a rápida reacción tanto das institucións como da sociedade, pero incide en que "isto permite visibilizar as carencias doutros moitos refuxiados aos que tamén hai que dar resposta porque no mundo a situación de emerxencia é constante e non se limita a Ucraína".

VÍASE VIR. Elvira Fariña, responsable do programa de asilo e refuxio de Cruz Vermella en Lugo, comparte este punto de vista e incide en que "el problema de Ucrania no comenzó el 24 de febrero. Desde el año 2014 ha habido un goteo constante de refugiados ucranianos que escapaban del conflicto interno, sobre todo de la zona de Donbas", apunta. "El problema no era tan visible en los medios de comunicación porque no había guerra, pero la gente ya intuía lo que iba a pasar".

Algúns destes refuxiados que saíron hai anos de Ucraína están asentados en Lugo e axudan como voluntarios de Cruz Vermella aos compatriotas que chegan agora. Traducen, acompañan. Ninguén comprende mellor o seu sufrimento. Saben ucraíno, pero non lles fai falta falar. Unha man tendida é idioma universal.

Comentarios