Un corte de auga deixa un día sen servizo a casas de Fingoi

Os veciños criticaron a falta de capacidade de resposta do Concello
Calle Erín. GOOGLE MAPS
photo_camera Rúa Erín. GOOGLE MAPS

Unha avaría na rede de augas en Fingoi, que deixou todo o día sen servizo a veciños da rúa Erín e a outras vías adxacentes, provocou este domingo indignación no barrio, ante a falta de resposta do Concello para repor o servizo.

O fallo produciuse ao redor das once da mañá e aos veciños díxoselles que ata o día seguinte non se ía a repor o servizo por falta de medios.

A situación volveu evidenciar a falta de recursos do Concello para dar resposta ás frecuentes avarías na rede municipal, xa que o equipo do servizo de augas ten pouco persoal e as fins de semana a cidade queda sen medios para afrontar os cortes por avarías.

O problema repítese desde hai anos e o habitual é que o Concello teña que recorrer a empresas privadas para poder facer as reparacións, xa que a capacidade de resposta da administración limítase habitualmente a cortar a rede cando se producen roturas nas canalizacións de auga.

A situación mantense a pesar de que se lograron algunhas melloras, como a compra de equipos especiais para permitir a intervención das brigadas municipais nas canalizacións de fibrocemento. A presenza de amianto nesas redes e a falta de medios para traballar con ese material, obrigou durante moito tempo a recorrer a empresas para atender ás roturas.

A avaría deste domingo volveu, polo demais, a pór en evidencia o estado das redes de abastecemento no barrio de Fingoi, onde se sucederon xa varias avarías importantes.

O último episodio produciuse a mediados de maio na rúa Armórica, onde se produciu un rebentón na tubaxe de fibrocemento que abriu unha focha no medio da rúa que chegou a xerar unha situación de perigo para o tráfico. Os veciños tiveron que acordoar a rúa e xestionar o tráfico durante case unha hora, o que causou indignación.

Comentarios