O coronavirus deixa no aire viaxes e programas de intercambio dos institutos de Lugo

O Lucus Augusti convoca aos pais para analizar a viaxe a Roma e alumnos dun centro de Perugia suspenden a súa visita ao Leiras Pulpeiro 
Ies Leiras Pulpeiro. AEP
photo_camera Ies Leiras Pulpeiro. AEP

O avance da epidemia do coronavirus por Europa tamén ameaza con trastornar os plans de viaxe planificados en varios institutos lucenses, así como os programas de intercambio de estudantes con outros países. En espera de ver como se desenvolven os acontecementos nos próximos días e semanas, todo está no aire, con especial incidencia naqueles relacionados coas áreas máis afectadas, como Italia.

É o caso, por exemplo, do programa de Erasmus que o Ies Leiras Pulpeiro tiña organizado para a próxima semana con outros tres centros educativos europeos, un deles da rexión italiana de Perugia. Segundo explica a vicedirectora do centro. Nuria Castelo, o vindeiro luns estaba prevista a recepción a seis alumnos e dous profesores italianos, que anularon a viaxe. íanse a unir a alumnos lucenses, franceses e portugueses para realizar un tramo do Camiño de Santiago, "pero non van poder vir. A ver se non pasa nada e os franceses veñen", comenta Castelo.

Tamén teñen un programa de intercambio de alumnos con Italia no Ies Ollos Grandes. Trátase, como detalla Francisco Núñez, do equipo directivo deste centro, de cinco alumnos que deberían iniciar un intercambio de longa estancia a finais do mes marzo nunha rexión italiana que a día de hoxe non está marcada na lista negra do coronavirus, "pero teremos que ver como evoluciona". En calquera caso, está claro que "a última palabra sempre a terán as familias e os profesores que teñen que ir".

O problema, de momento, céntrase nas zonas do norte de Italia (Piamonte, Lombardía, Veneto e Emilia-Romagna), como resalta a comunicación que a Consellería de Educación enviou a todos centros educativos públicos e privados de Galicia para aconsellar que suspendan calquera viaxe e intercambio previsto con estas rexións. A comunicación inclúe ademais recomendacións para calquera persoa que viaxe ao país ou acabe de regresar.

Ler máis: Permiten saír a 130 clientes do hotel no que está confinada unha familia de Lugo

A pesar diso, a preocupación non deixa de crecer. No Lucus Augusti, por exemplo, a dirección xa convocou aos pais dos alumnos que estaban apuntados para a excursión de fin de curso a unha reunión para o vindeiro luns. O motivo é evidente, como sinala a vicedirectora, Carmen, e non precisou de ningunha comunicación nin aviso externo: o destino previsto é Roma.

"A saída está prevista para o 20 de marzo e agora non hai ningún risco declarado en Roma, pero o medo é libre, así que o primeiro é falar cos pais. eles son os que teñen que decidir e por eses convocámolos. Chegounos unha comunicación da Consellería, pero non fixo falta que ninguén nos dixese nada, fomos a dirección e os propios profesores os que tomamos a iniciativa, deben decidir os pais".

Noutros centros educativos públicos da capital a preocupación é menor, pero só de momento e porque os destinos previstos aínda non figuran entre os afectados polo coronavirus. é o caso do Xoán Montes, cuxos alumnos teñen previsto viaxar a finais de marzo a Berlín, e o Ánxel Fole, cos alumnos de 4º de Eso de Francés pendentes de irse nesas mesmas datas a París.

Desde os equipos directivos de ambos os centros confírmase que a día de hoxe mantéñense á expectativa da evolución dos acontecementos, pero que non hai ningún motivo para pensar na cancelación dunhas viaxes que, doutra banda, as familias levan moito tempo pagando a base de cotas e cuxa suspensión suporía moitos trastornos. En calquera caso, insisten, todo dependerá de como se desenvolvan os acontecementos e, se non hai máis remedio, da decisión das familias e os profesores responsables das viaxes.

Onde respiran máis aliviados é nos outros dous institutos da capital, o Sanxillao e o Muralla Romana. En ambos os casos os seus alumnos realizaron as súas saídas na semana anterior ao Entroido, nun caso a Londres e no outro a Amsterdam, e ningún dos dous centros ten previstos intercambios con centros italianos, polo que de momento son territorios inmunes ao medo ao coronavirus.

Comentarios