O control da música en locais nocturnos esténdese a pubs da Tinería

As inspeccións da Policía Local no centro histórico súmanse ás realizadas en días pasados na zona de Camiño Real
Calle de A Tinería. XESÚS PONTE
photo_camera Rúa da Tinería. XESÚS PONTE

A Policía Local continúa velando polo descanso dos lucenses e ao longo do fin de semana realizou varias inspeccións en locais nocturnos da zona da Tinería, no centro histórico.

Estas inspeccións, levadas a cabo ao longo da madrugada, teñen como obxectivo lograr que todos os establecementos de hostalería da capital lucense se axusten á Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, que fixa os límites de cada tipo de local con respecto á música e aos horarios de apertura ao público.

Na Tinería, os policías locais lucenses levantaron varias actas de infracción por ter instalado un equipo musical con altofalantes a pesar de ter licenza de café bar, "algo que está expresamente prohibido", apuntaron.

A Policía realizou tamén ao longo das últimas semanas multitude de controis en locais nocturnos da zona de Camiño Real, Poeta Cabanillas e Rúa Tui. Nestas rúas —onde se concentran varios locais de ambiente latino— os policías tamén levantaron actas polo exceso de volume da música, por ter equipos musicais sen licenza e por incumprir o horario de peche establecido por lei.

QUEIXAS. Tal e como recoñeceu recentemente o xefe da Policía Local de Lugo, a maioría das queixas cidadás por molestias nocturnas procedentes de locais ten relación coa actividade que leva a cabo nestes pubs.

Os veciños protestan polos horarios de apertura, xa que consideran que "abren todo o día sen control", e aseguran que se producen numerosos altercados na vía pública protagonizados polos clientes destes establecementos.

A Policía Local pretende porlle fin a este tipo de incidentes, polo que realiza controis todas as semanas para que cada local se axustese á súa licenza.

Comentarios