Continúan as queixas polo peche de pasos a nivel na vía do tren

Vecinos de Coeo e Bóveda piden máis axilidade nas obras e máis coidado para evitar danos a pistas e non prexudicar a actividade agraria
El paso a nivel de Coeo, cortado por obras. EP
photo_camera El paso a nivel de Coeo, cortado por obras. EP

A secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, pediu desculpas a semana pasada aos lucenses que sofren molestias polos cortes que se están realizando na vía do tren para mellorar esta para —"cortar unha vía nunca é bo momento, pero se non non facemos nada", dixo—, pero os afectados ademais de palabras piden feitos. Recoñecen a importancia das obras, pero cren que nin a planificación nin a forma en que levan a cabo son as adecuadas.

Vecinos de San Vicente de Coeo volveron manifestar este martes o seu malestar porque Adif pechou practicamente á vez os catro pasos a nivel que hai na zona (tres en Coeo e un en Recimil) e con pouca información aos veciños, que desde hai dez días ven obrigados a dar rodeos coa maquinaria agrícola para chegar ás leiras. Os afectados cren que os traballos se están demorando e están intranquilos polas condicións nas que quedarán os pasos, xa que tal como están neste momento non reúnen as condicións para ser atravesados por vehículos.

Algúns veciños censuran a xestión da obra por parte de Adif e tamén critican ao Concello porque cren que debería intervir ante o ente ferroviario para tratar de axilizar os traballos.

Algúns destas cruces serán eliminados no marco do plan de supresión de pasos e mellora da seguridade que ten en marcha Adif. Na maioría dos casos construiranse pasos inferiores para o tráfico rodado, pero, aínda que foron anunciados en varias ocasións, segue sen haber data para estas intervencións, lamentan os veciños. As obras obrigarán a cortar a vía outra vez e probablemente durante máis tempo.

Un dos pasos a nivel que se espera que sexa eliminado é o de Buratai, en Santa María de Bóveda, despois de que o goberno local e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, adquirisen ese compromiso cos veciños, segundo aseguran estes.

Os aldeáns propoñen a construción dun paso baixo a vía do tren que conecte unha pista nova que fixo Adif con outra que conduce a un núcleo onde hai tres casas habitadas e que, denuncian os veciños, quedou moi danada debida debido ao paso de maquinaria pesada que se emprega para os traballos que levan a cabo neste momento na vía. Estes son similares aos que se acometen en Coeo e noutras parroquias e forman parte do proxecto de modernización da vía Lugo-Monforte-Ourense. Os veciños piden a Adif que obrigue á empresa a arranxar esa pista e a ser máis coidadosa, xa que impediu o acceso a algunhas leiras ao colocar material na entrada.

Comentarios